O BNG de Betanzos pide melloras na rede de saneamento ante as novas roturas

ACoruñaXa
Dende a formación sinalan que as denuncias polo estado da rede de sumidoiros veñen reiterándose ao longo dos anos e cómpre realizar un estudo a fondo do estado das infraestruturas e estabelecer un cronograma para a reparación da rede
Praza de Fernán Pérez Andrade _O Bo_ situada no casco histórico de Betanzos
2 Aug 2024

O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria coa finalidade de realizar un estudo a fondo do estado da rede de abastecemento de auga potábel e de sumidoiros, tanto no Casco Histórico, como no núcleo urbano e rural do municipio, co fin de detectar os posíbeis problemas que existan na rede. De igual maneira, pediron o estabelecemento dun cronograma para a reparación das problemáticas que lle afecten á rede de abastecemento de auga potábel e de sumidoiros.

O concelleiro Salvador González indicou que “a veciñanza está a habituarse ás roturas frecuentes da rede, que levan consigo o levantamento e o corte de rúas e outros problemas que, en ocasións, tamén levan ao corte do servizo de abastecemento de auga potábel”.

As nacionalistas apuntaron que estas roturas se producen con frecuencia no núcleo urbano, mais tamén se teñen detectado problemas na zona rural do concello, en especial no núcleo de Infesta, e no Casco Histórico, onde os veciños das rúas dos Plateiros, Nova e do Hórreo falan de sumidoiros que se desbordan e de casas anegadas de augas pluviais e fecais.

No BNG indican que as denuncias polo estado da rede de sumidoiros veñen reiterándose ao longo dos anos e cómpre que se realice un estudo a fondo do estado das infraestruturas e se estabeleza un cronograma para a reparación da rede na súa totalidade.

“A día de hoxe, continuamos cunha infraestrutura anquilosada, en que non se realizan reparacións de alcance e en que se parchean continuamente as fugas sen actuar a fondo no problema”, engadiu Salvador González.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16742396354675