O BNG de Betanzos pide ao Goberno local que asuma a xestión directa do mercado municipal

ACoruñaXa
A formación realiza esta reclamación logo de que quedase deserto o concurso para explotar a maior parte da Pescadería
Salvador González do BNG Betanzos
9 May 2025

O BNG de Betanzos volveu reclamar ao Goberno local do PSOE que asuma directamente a xestión do Mercado Municipal  de Abastos, despois de que quedase deserto o concurso para explotar a maior parte da Pescadería. “Acaba de ficar deserto o concurso por un canon mínimo que é o que se lle estaba a cobrar a cada unha das praceiras que estaban traballando nela”, advertiu o concelleiro nacionalista Salvador González.

Segundo explicou González, o resultado do concurso é “a consecuencia do enfoque turístico que o goberno local do PSOE lle deu ao mercado de abastos”. Criticou que a proposta municipal baseábase na concesión do espazo a unha empresa privada, “que non se mete porque, obviamente, non hai a perspectiva de negocio que un mercado deste tipo ten en grandes cidades”.

Neste contexto, desde o BNG fan un chamamento ao executivo local para que “pare e pense”. Lembran que foi o Pleno quen instou ao goberno a estudar a posibilidade dunha xestión directa do mercado. “Agora que a empresa privada lle di que non lle interesa explotar o mercado é o momento de explorar esta outra vía”, apuntan.

As nacionalistas recordaron que levan “lustros demandando a mellora do mercado municipal en accesibilidade, equipamentos e dinamización”. Tamén lembraron os investimentos feitos polo BNG hai vinte anos, cando dirixían a Concellaría de Comercio, e as súas propostas para completar a oferta comercial con mercados de produtos de tempada na praza contigua.

Sobre o proxecto anunciado en 2022 polo Goberno local para a posta en valor do mercado con fondos europeos, o BNG mostrouse favorable. “Pensamos que é un investimento necesario, longamente demandado e que debe contribuír á dinamización comercial do Casco Histórico e ao servizo da súa veciñanza”, sinalaron.

Para o BNG, o mercado municipal debe ter como prioridade dar servizo á veciñanza e aos produtores de Betanzos e da comarca. “Debe ser un escaparate e unha oportunidade para os nosos produtos, que moi dificilmente teñen acceso á venda en grandes áreas comerciais”, destacou o concelleiro Salvador González.

“Cremos que é o enfoque que debe ter un servizo municipal como a praza de abastos, construída e rehabilitada con fondos públicos. Sen excluír, obviamente, o turismo como fonte de ingresos complementaria, pero nunca ao revés: os servizos que se lle prestan á nosa veciñanza non deben estar condicionados a un exclusivo beneficio turístico”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16585898399353