O BNG de Betanzos levará a pleno a revitalización do Casco Histórico de Betanzos

ACoruñaXa
O grupo nacionalista tamén proporá a creación dun consello social para impulsar a normalización do galego
Salvador González do BNG Betanzos
25 Mar 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Betanzos proporá no vindeiro pleno a constitución da comisión político-técnica de aplicación e seguimento da ordenanza de usos do galego, así como do Consello Social da Lingua. Ambos os dous órganos de participación están recollidos na ordenanza de uso do galego, vixente dende hai nove anos.

“A día de hoxe, cunha situación de emerxencia lingüística segundo os datos oficiais do IGE de 2024 sobre a perda de falantes e a transmisón do idioma, é urxente desenvolver o contido da ordenanza”, explican as nacionalistas.

A creación dun consello social para impulsar a normalización do galego e o seguimento da aplicación do regulamento son dúas das medidas que o BNG de Betanzos considera prioritarias para desenvolver a norma aprobada en 2016. “Porén, tan só se aprobou un protocolo sobre o uso do galego nos servizos e concesións municipais que dista moito de cumprirse e, polo tanto, de garantir os dereitos das betanceiras galegofalantes”, indicou Salvador González, concelleiro do BNG de Betanzos. “Betanzos foi unha das cidades pioneiras na defensa do idioma coa creación dunha Irmandade da Fala e ten que seguir sendo vangarda para que o galego cumpra mil primaveras máis”, engadiu.

O BNG de Betanzos esixe medidas urxentes para o Casco Histórico

Ademais da defensa do idioma, o BNG de Betanzos poñerá o foco na situación do Casco Histórico de Betanzos e a falta de avances no novo Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPOCH) e no plan de dinamización da área REXURBE. “O primeiro segue sen contratar tras ter que anular o contrato anterior, e o segundo, como puidemos coñecer tras unha iniciativa parlamentaria, segue sen ser presentado á Xunta por parte do goberno local do PSOE”, denunciou Salvador González.

Segundo os nacionalistas, “sen poñer freo ao despoboamento do casco histórico e sen garantir que é un lugar para vivir, todas as medidas que está adoptando o goberno local do PSOE cara ao turismo son cosméticas, maquillaxe para un deserto, para un decorado de postais”.

O BNG de Betanzos considera imprescindíbel desenvolver un marco de certeza para a rehabilitación da vivenda na zona monumental. “Só coa reurbanización e recuperación de espazos degradados se garante a rehabilitación da cidade histórica”, afirman.

González insta o Goberno local do PSOE a abandonar a visión do casco histórico como mero reclamo turístico e a entender que “o patrimonio é o maior activo económico da cidade, pero o casco histórico é e debe ser un barrio para residir, con todos os servizos”.

Por este motivo, o BNG de Betanzos urxirá ao Goberno local a informar sobre a situación do plan de dinamización da área Rexurbe e dos prazos previstos para a substitución do actual e desfasado PEPOCH. “Esta é unha das moitas medidas que vimos propoñendo para recuperar a vivenda na zona monumental, xunto coa dinamización da Oficina de Rehabilitación ou a creación de liñas de axudas específicas”, concluíu Salvador González.

⚙ Configurar cookies
0.067483901977539