O BNG de Betanzos leva ao pleno e ao Parlamento a falta de persoal no CEIP Vales Villamarín

O BNG de Betanzos anunciou que presentará unha iniciativa na sesión plenaria do próximo luns para reclamar unha solución urxente á falta de persoal no CEIP Francisco Vales Villamarín. A formación nacionalista súmase así ás reivindicacións da comunidade educativa do centro, que nas últimas semanas se mobilizou para denunciar a insuficiencia de recursos humanos.
A portavoz municipal do BNG, Amelia Sánchez, advertiu de que o problema non se limita ás carencias infraestruturais que o grupo leva tempo denunciando, senón que afecta directamente á atención educativa. Segundo explicou, o incremento do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo está a provocar unha situación de sobrecarga tanto no profesorado titor como no de Pedagoxía Terapéutica.
Esta circunstancia, sinalou Sánchez, está a derivar en que nenos e nenas con dificultades na lectura, na escrita ou no cálculo queden sen a atención necesaria. Ademais, o alumnado con discapacidades viu reducidas as horas de apoio respecto de cursos anteriores, o que, ao xuízo do BNG, supón un retroceso na calidade do ensino público.
Desde a formación nacionalista lembran que esta situación xa motivou protestas por parte das familias e do persoal docente, que reclaman á Consellaría de Educación a cobertura das prazas de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e dos reforzos de Primaria necesarios para atender ao alumnado en condicións adecuadas.
O BNG de Betanzos anunciou tamén que trasladará estas demandas ao Parlamento de Galiza coa presentación dunha iniciativa específica para reverter os recortes de persoal no Vales Villamarín. “Estamos fondamente preocupadas por uns recortes que afectan especialmente ao alumnado máis vulnerable”, concluíu Amelia Sánchez.