O BNG de Betanzos insta ao Goberno local a repintar os escudos do Reino de Galiza

O Bloque Nacionalista Galego de Betanzos reiterou no Pleno a necesidade de repintar os escudos das sete provincias do Reino de Galiza que decoran os contrafortes da N-VI sobre a praza da Feira Nova (Afonso IX).
“Estes escudos perderon a cor e teñen partes da súa pintura caída” trasladou a concelleira do BNG. Vanesa Rey, que lembrou que xa o ano pasado realizaran dúas iniciativas sobre este tema similares que non obtiveron resposta do Goberno local.
“Unha vez máis, insistímoslle ao Goberno local sobre a necesidade de repintar os escudos das provincias do Reino de Galiza” apunta a edila do BNG, demandando prazos concretos para intervir nos murais.
Desde o BNG destacan que o repintado como graffitti dos murais fora unha proposta nacionalista para poñer en valor a Historia da cidade implicando aos artistas urbanos da cidade, fronte á proposta do PSOE de colocar impresións vinílicas sen valor nas pilastras de formigón.
Para rematar coas demandas, as nacionalistas solicitan que na praza se instale un panel informativo que aclare por que están alí eses escudos e que representan. “É a maneira de complementar este conxunto de murais, xunto coa posta en valor do campo da feira nova e a catalogación dos plátanos de sombra que vimos demandando desde hai anos”, conclúen.