O BNG de Betanzos insta á Xunta a que cubra a falta de médicos no centro de saúde do Carregal

ACoruñaXa
O edil nacionalista, Salvador González lembra que hai necesidade de persoal de pediatría
Salva-Gonzalez-bng-betanzos
30 Jan 2025

O BNG indica que o pleno de Betanzos acordou instar á Xunta a que cubra a falta de facultativos de especialidades e pediatría no centro de saúde do Carregal. A iniciativa nacionalista acadou o voto favorábel da Corporación, se ben "o PP preferiu defender os recortes da Xunta en lugar de mirar pola veciñanza de Betanzos", lamentan.

O edil do BNG, Salvador González lembrou: "Vimos denunciando ao longo dos anos a carencia de persoal médico suficiente, a necesidade de persoal de pediatría ou a falta de persoal para cubrir as baixas e as vacacións dos facultativos sanitarios". A situación, engade, empeora ano tras ano do mesmo xeito que se deteriora o sistema sanitario de Galiza a causa das políticas de recortes e privatizacións da Xunta do PP. Un deterioro que, ademais da falta de facultativas para atender á veciñanza, se traduce tamén no "aumento das listaxes de agarda para recibir atención de especialistas e atención primaria"

O concelleiro nacionalista Salvador González indicou que, no caso concreto do persoal de pediatría "despois do último concurso de traslados e da asignación de novas pediatras ao noso centro de especialidades, se está a comunicar ás familias que acaban de ter bebés que as pediatras non teñen cupo, forzándoas a presentar escritos para que se lle asigne un pediatra aos seus fillos e fillas e adxudícandolles outros pediatras como o compartido entre Oza-Cesuras e Abegondo".

"Esta situación, que se produce mesmo cando se debe asignar un pediatra por agrupamento familiar, resulta intolerábel e esixe unha solución desde o Sergas e a Consellaría de Sanidade", advirten as nacionalistas.

"As galegas estamos asumindo un importante investimento formando persoal sanitario que logo, polas condicións cada vez máis precarias da sanidade pública a causa das decisións do PP, ten que ir gañar a vida fóra e a xenerar beneficios e benestar a outros países" denuncia Salvador González.

0.16628098487854