O BNG de Betanzos inicia o novo curso político cun balance crítico do mandato

O BNG de Betanzos abriu o novo curso político cun balance da primeira metade do actual mandato municipal. A súa portavoz, Amelia Sánchez, asegurou que 'Betanzos precisa unha alternativa á desidia do PSOE e á política destrutiva do PP', salientando que a súa formación traballa para ser a opción de goberno que poña ás persoas no centro das políticas locais.
Sánchez lembrou que o mandato comezou cun pacto de investidura entre nacionalistas e socialistas 'para garantir un goberno de esquerda fronte a unha involución do PP'. Porén, denunciou que o executivo do PSOE carece hoxe dun proxecto claro, mentres os populares 'se limitan a dinamitar a convivencia desde a crítica permanente, sen ofrecer solucións'.
Entre as críticas, o BNG fixo fincapé na xestión económica, asegurando que 'o gasto sen control do PSOE provocou a intervención das contas municipais polo Ministerio de Facenda', con máis de 2,5 millóns en débedas a provedores e un crédito adicional de 1,3 millóns de euros.
Outro dos eixes da súa proposta é a mobilidade e dinamización do Casco Histórico. As nacionalistas defenden 'un modelo que aposte polas persoas', con plans de apoio ao comercio, á hostalaría e medidas que atraian nova poboación, poñendo como exemplos de éxito experiencias en Allariz ou Pontevedra.
O BNG tamén reiterou a importancia de recuperar a xestión pública de servizos esenciais, como a municipalización do Complexo Deportivo do Carregal ou a xestión directa do mercado de abastos tras a súa reforma. Ademais, insistiu na necesidade urxente de aprobar instrumentos urbanísticos como o PXOM e o PREPI do Casco Histórico, xunto con políticas de vivenda accesíbel e a mellora de servizos básicos como o abastecemento de auga, o saneamento, a limpeza e o mantemento.
Fronte á parálise do PSOE e ao obstrucionismo do PP, o BNG reafirma a súa vontade de liderar un proxecto alternativo. 'Queremos converter o patrimonio betanceiro no motor económico da comarca, cun Casco Histórico pensado para as persoas, servizos públicos de calidade e unha administración transparente, eficaz e participativa', concluíu Sánchez.