O BNG de Betanzos esixe solucións urxentes ante o perigo de desprendementos no Camiño da Veiga

ACoruñaXa
A formación nacionalista demandou medidas concretas tamén no edificio do número 50 da rúa do Mandeo
Imaxe de Amelia Sánchez do BNG de Betanzos
19 Jun 2025

O BNG de Betanzos levou ao último Pleno municipal a preocupación da veciñanza e das persoas que usan o Camiño da Veiga, debido ao risco de desprendementos en varios puntos desta vía. A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, denunciou que “xa advertimos varias veces que o muro de carga da finca na que se asenta o edificio do Mandeo 50 está a ceder sobre o camiño da Veiga, con evidente risco de colapso, e tamén están a ceder as beirarrúas da estrada DP-0905, e mesmo advertimos, trasladando unha queixa veciñal, que determinado tipo de vehículos xa non collen pola pista polo abombamento do muro”.

Sánchez explicou ademais que “un pouco máis adiante, logo do cruzamento co camiño do Medio, a parte da pista que sobe cara á estrada DP-0905 está caendo porque hai un noiro do terreo que cedeu e ameaza levar abaixo o camiño”. Desde o BNG lembran que o amaño deste camiño fora incluído nun proxecto POS, pero só se executou unha parte menor, ata a bifurcación do Camiño do Medio, máis alá do final do edificio do Mandeo 50.

Ante o risco inminente de colapso tanto do camiño como do muro de carga do edificio, o BNG pediu ao Goberno local que estableza prazos e medidas concretas para protexer á veciñanza. “Desde a pandemia este camiño é unha zona de esparexemento para moitos veciños e veciñas de Betanzos, ademais de dar servizo a vivendas, hortas, viñas e adegas do viño do país; pasa moita xente”, alertaron as nacionalistas.

Recuperar o camiño superior e rematar o proxecto

As nacionalistas insistiron na necesidade de completar o proxecto inicialmente previsto para o camiño, incluíndo a recuperación e pavimentación dunha parte do camiño “de arriba”, que actualmente está sen asfaltar a pesar de dar servizo a varias vivendas e constituír unha vía alternativa cara á estrada DP-0905, o que permitiría ordenar mellor o tránsito. Amelia Sánchez preguntou: “Por que motivo non se executou o proxecto incluído no POS e cando pensan cumprir coa veciñanza que demandou esta obra nos orzamentos participativos?”.

O BNG chamou tamén a atención sobre os “numerosos anuncios realizados nos últimos anos sobre o edificio do número 50 da rúa do Mandeo”. O grupo demandou ao Goberno local que aclare “que medidas adoptaron até a data para garantir a seguridade” tras os desprendementos rexistrados, a suciedade e a falta de mantemento do inmoble abandonado. Tamén preguntaron se o departamento de urbanismo “ten inspeccionado a finca para verificar a seguridade para camiños, estradas e lindeiros”.

Por estes motivos, o BNG esixe ao executivo socialista unha explicación clara sobre o estado actual do expediente do edificio e cales son as propostas futuras. “Nós témolo claro e así o puxemos nas alegacións ao PXOM: o edificio do Mandeo 50 ten que desaparecer e nese entorno teñen que admitirse tan só vivendas unifamiliares”, concluíron.

⚙ Configurar cookies
0.15652704238892