O BNG de Betanzos esixe a mellora do Lavadoiro das Cascas

ACoruñaXa
Os nacionalistas solicitaron que se adecuara o estado deste edificio e que se desenvolveran labores de limpeza e de mantemento do edificio
BNG de betanzos
O Bloque Nacionalista de Betanzos
27 Jul 2024

O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para instar ao goberno do PSOE a que atenda o edificio do Lavadoiro das Cascas, parte da herdanza dos irmáns García Naveira, que presenta un estado moi mellorábel e que permanece pechado para o seu uso e para a súa visita.

En palabras da súa voceira, Amelia Sánchez, “a veciñanza e as persoas que visitan Betanzos amosáronnos o seu malestar polo estado do Lavadoiro das Cascas. Ademais do feito de este estar pechado ao público, chama a atención o lamentábel estado que presenta: pintadas en todos os muros, suciedade, restos de comida e de cartóns etc”.

Os nacionalistas solicitaron que se adecuara o estado deste edificio e que se desenvolveran labores de limpeza e de mantemento do edificio do Lavadoiro das Cascas.

Xa en anos pasados, no BNG tiñan urxido ao goberno local a acometer melloras no edificio. Así, despois de que o PSOE anunciase en abril do ano 2019 novas obras no interior do lavadoiro das Cascas, tras ser pintado e amañado o exterior con cargo ao POS da Deputación da Coruña, as nacionalistas solicitaran a cuarta fase da rehabilitación do lavadoiro que os García Naveira deixaran á veciñanza de Betanzos. Esta cuarta fase da rehabilitación permitiría a completa recuperación deste espazo tan emblemático e permitiría a súa apertura para o uso e desfrute do local.

“Trátase dun edificio cunha forte carga simbólica e histórica, parte do patrimonio indiano de Betanzos e un lugar excepcional para a realización de pequenos actos culturais, cómpre apostar por el”, insistiu Sánchez.

0.16303300857544