O BNG de Betanzos denuncia o estado das instalacións do complexo deportivo do Carregal

O BNG volveu trasladar ao Pleno do Concello de Betanzos o malestar das persoas usuarias do complexo deportivo municipal do Carregal debido ao deficiente estado de conservación das instalacións.
Segundo explicou na sesión plenaria a concelleira Vanessa Rey, na piscina "a concesionaria obriga aos meniños de 8 anos a accederen sós ás instalacións para acudiren aos cursos". Isto supón un problema pola situación de deterioro de varios elementos, como "os pulsadores das duchas, moitos deles duros de máis para eles, algúns sen auga e outros cunha pingueira por todo caudal que impide que se duchen sós axeitadamente". Ademais, a altura dos colgadores, enchufes ou taquillas fáilles imposible o seu uso de maneira autónoma.
A concelleira nacionalista advertiu que "o deterioro da rede eléctrica fai que salte o limitador ao utilizar algúns dos enchufes para o secado do pelo". No que respecta ás taquillas, denunciou que "a maior parte delas están co peito rebentado, ata o punto de que a concesionaria anuncia mediante a app a inminente venda de candados nas máquinas de vending instaladas no corredor para poder utilizalas con seguridade ou convidando aos usuarios a traer o seu candado da casa".
Rey instou ao goberno local a corrixir ou facer corrixir todas estas deficiencias, xa que "este estado de deterioro fai impracticábeis moitos destes elementos". Ademais, preguntou "en base a que normativa municipal se prohibe o acompañamento de menores de 8 anos para asistir aos cursos da piscina?".
As queixas das persoas usuarias chegan tamén ao pavillón, onde "ademais das máquinas fóra de servizo do ximnasio, denunciáronnos que as persoas que practicaban bádminton foron expulsadas para cederlles o espazo usado a dous clubs".
A concelleira Vanessa Rey lembrou que esta cuestión xa fora trasladada polo BNG a pleno hai uns meses, xa que supón a exclusión "dun deporte minoritario da oferta pública". Instou ao goberno do PSOE a reconsiderar a decisión de deixar fóra este deporte das instalacións municipais. "Canta máis variedade haxa na oferta de actividades deportivas, máis opcións de lecer saudábel terá a veciñanza", afirmou.
As nacionalistas lembran, ademais, que a concesión do complexo está a piques de expirar e que o pacto de investidura recollía a redacción e presentación dun estudo sobre a posibilidade de xestión directa do complexo deportivo. "A pesar das múltiples veces que insistimos na urxencia deste estudo, polo momento segue sen rematarse. É urxente que o goberno local do PSOE presente ás persoas usuarias e traballadoras do complexo un plan sobre a futura xestión desta instalación e para as melloras necesarias nesta infraestrutura", concluíron desde o BNG.