O BNG de Betanzos demanda recuperar espazos no centro da cidade para as persoas

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Betanzos reclamou no Pleno municipal a recuperación de espazos públicos no centro da cidade para o uso da veciñanza. A concelleira nacionalista Vanesa Rey denunciou que “nas pasadas semanas instalouse na praza do Campo un sinal de tráfico que advirte da prohibición de aparcar na praza agás as motos no espazo acotado”. Porén, criticou que “actualmente non hai ningún espazo debidamente sinalizado nin acotado, polo que as motos seguen aparcando en toda a praza, provocando o descontento da veciñanza”.
Rey demandou ao Goberno local que actúe para evitar que se ocupe “máis da metade da praza, durante as fins de semana, privando á veciñanza dun importante espazo de lecer”.
A unhas ducias de metros da praza do Campo, as queixas veciñais tamén se centran no estacionamento promovido polo Goberno local no paseo da Tolerancia. A concelleira lembrou que “o 12 de maio de 2020, ao abeiro das medidas excepcionais da desescalada da pandemia da covid-19, o goberno local anunciaba un aparcamento provisorio de 15 prazas no Paseo da Tolerancia para compensar a perda de espazo de estacionamento para residentes nas rúias dos Ánxeles e a Cruz Verde”. Con todo, indicou que “hoxe en día, todas esas restricións decaeron, as terrazas volveron ao seu dimensionamento e retornaron ás rúias as prazas de estacionamento”.
Malia iso, explicou que “o espazo peonil a carón do Convento das Agostiñas segue ocupado por vehículos, privando á veciñanza de mil cen metros cadrados de área de lecer, que podería ser equipado con mobiliario lúdico para crianzas, e outros mil metros de paseo sacrificados para tránsito rodado”.
Vanesa Rey asegurou:“No BNG entendemos que podería ter sentido un tránsito tolerado en tempada estival para servizo de embarcacións, pero non sobran espazos peonís para lecer da veciñanza, polo que non entendemos que se siga sacrificando esta zona para convertela nun aparcamento mentres a seguen a computar como zona libre peonil nos documentos urbanísticos”.
As nacionalistas lamentan que “mestres a maioría de cidades europeas gañaron espazos peonís tras a pandemia, Betanzos perdeu 2.000 metros cadrados en pleno centro para facer outro estacionamento”. Ademais, explican que este aparcamento “non é utilizado maioritariamente polos residentes, posto que queda baleiro polas noites”.
Por este motivo, demandaron que se restitúa este espazo para o uso da cidadanía e propoñen equipalo para fomentar o lecer e o esparexemento comunitario. “Nesta parte da cidade non hai ningún parque infantil e sería un bo servizo para a veciñanza da Cañota, as Monxas e Os Ánxeles”, concluíron desde o BNG.