O BNG de Betanzos demanda mellorar os problemas de seguridade viaria de Guiliade

ACoruñaXa
O concelleiro nacionalista Salvador González sinala que os vehículos pasan a gran velocidade pola AC-542 e a DP-0810
O concelleiro do BNG, en Betanzos, Salvador González.
11 Apr 2025

O BNG de Betanzos trasladou en pleno o malestar da veciñanza de Guiliade polos problemas de seguridade viaria que se viven neste núcleo. O concelleiro nacionalista Salvador González  manifestou que “a pesar das múltiples promesas da Xunta de Galiza e da Deputación da Coruña, os vehículos atravesan Guiliade a grande velocidade, tanto cando circulan pola AC-542 como pola DP-0810”.

“Os veciños e veciñas solicitan que se instalen bandas redutoras ou calquera outra medida que poida contribuír a solucionar este problema” indicou o concelleiro do BNG. González demandou ao Goberno local do PSOE que se dirixa a Xunta e Deputación, titulares respectivamente das estradas AC-542 e DP-0810, para que acometan medidas que garantan a reducción da velocidade do tránsito rodado ao paso polo núcleo.

Do mesmo xeito, o concelleiro nacionalista Salvador González solicitou ao goberno do PSOE que pida a recolocación da cartelaría direccional e a retirada doutra cartelaría informativa instaladas sobre as beiravías “que impiden a boa circulación das viandantes”.

 

⚙ Configurar cookies
0.1603569984436