O BNG de Betanzos cuestiona as formas do Goberno local para a aprobación do POS

ACoruñaXa
Sinala o concelleiro Salvador González sobre o Plan de Obras e Servizos da Deputación (POS): "Convocan un pleno o último día de prazo"
Salva-Gonzalez-bng-betanzos
6 Feb 2025

Desde o BNG de Betanzos indican que o Concello ten sen executar as obras do POS de 2023 e as do pasado ano. “Ademais vai recibir este ano entre 40 e 50 mil euros menos ao mes que é a cantidade que nos vai reter o estado despois de facer fronte ao pago aos provedores e de que o pleno, debido ao voto da dereita, non aprobase o plan de axuste”, afirma o concelleiro nacionalista, Salvador González.

De igual forma cuestiona as formas do Goberno local: “As cousas teñen uns prazos e un procedemento, mesmo legalmente establecido. O POS non é un tema urxente nin extraordinario, desde finais de novembro sabían cando finalizaba o prazo para solicitar o POS, o día 7. E sen embargo convocan a comisión informativa e o pleno por urxencia, envían parte da documentación 5 horas antes da comisión e outra parte mesmo horas antes do Pleno”, explicou o concelleiro do BNG.

“Convocan un pleno o último día de prazo, sabendo que por responsabilidade non imos bloquear a solicitude destes fondos da Deputación para o noso Concello. Seguen gobernando como se tivesen maioría absoluta, exactamente igual que o anterior mandato, sen contar coas achegas da veciñanza, sen negociar a proposta cos outros grupos e sen corrixir un ápice a falta de participación e transparencia do mandato anterior, a pesar de que agora dependen vostedes do apoio doutros grupos para sacar adiante as súas propostas”, engadiu Salvador González.

“Xa indo ao fondo da proposta, non dubidamos que as obras que propoñen tanto no cemiterio municipal, no parque de Pintor Seijo Rubio ou os asfaltados en Touriñao son necesarias, o que si dubidamos é da oportunidade”, explicou González.

“En consecuencia, imos ter menos ingresos pero non vemos un intento de conter o gasto e a súa proposta e pedir o POS para obras, maioritariamente, agás un 30 %, en lugar de dedicalo a gasto corrente para garantir que se empece a sanear a situación económica do concello. No BNG non vemos oportuna esta proposta, mais para nos obstaculizar que o concello poida recibir estes fondos, ímonos abster”, concluíu o concelleiro do BNG.

O BNG abstívose tamén no punto de aprobación dos pregos de contratación do comedor escolar. A concelleira Vanessa Rey explicou que se trata dunha competencia da Xunta que é quen se ten que facer cargo deste servizo. “Trátase dun servizo indispensábel para a conciliación familiar que como a Xunta non exerce obriga a asumir aos concellos”, indicou Rey, “desde o BNG sempre defendemos a xestión directa dos servizos, pero é que ademais neste caso o contrato propón que o factor máis valorados sexa o prezo fronte á calidade do servizo e desde o BNG pensamos que isto vai contribuír en rebaixar a calidade”, concluíu.

 

0.16840410232544