O BNG de Betanzos consegue que o goberno local faga públicas as auditorías sobre o estado do CIEC

ACoruñaXa
As auditorías abarcan a situación económica da fundación, o estado arquitectónico da Casa Núñez e unha revisión artística da colección do centro
Imaxe da concelleira do BNG Vanessa Rey
29 Ago 2024

O BNG de Betanzos logrou que o goberno local faga públicas as auditorías sobre a Fundación do Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC). Estas auditorías, solicitadas polas nacionalistas hai varios meses, inclúen unha análise da situación económica da fundación, un estudo arquitectónico da Casa Núñez e unha auditoría artística da obra que posúe a fundación.

Vanessa Rey, concelleira do BNG, lembrou que o goberno local se comprometeu a ofrecer a información resultante destas auditorías en canto estivesen dispoñibles. "Porén, a día de hoxe, non se deu conta das auditorías realizadas e seguimos sen un mapa de ruta para o futuro do CIEC, aínda que o centro continúa a organizar eventos culturais coa participación municipal," apuntou Rey.

O BNG subliñou a importancia do CIEC como un centro artístico de referencia internacional e a necesidade de implicar o tecido cultural local e galego nas súas actividades. Durante o pleno, o goberno local entregou as auditorías solicitadas e indicou que aínda non está definido o modelo de xestión da fundación, pois se está a avaliar a débeda total que acumula a institución.

0.14171290397644