O BNG de Bergondo reclama solucións aos danos provocados polas obras do cruce de Guisamo

ACoruñaXa
O grupo nacionalista sinala que durante a execución das obras se produciron desperfectos nas vivendas próximas
Imaxe do voceiro do BNG en Bergondo, David Carro
9 Jul 2025

Tras máis dunha década de reivindicacións, o Goberno do Estado completou a reforma do punto negro de siniestralidade no cruce de Ferrol en Guisamo, unha obra que non estivo exenta de polémica pola súa longa duración e unha estética final que, segundo o BNG de Bergondo, non encaixa co entorno. Mais o máis grave, apunta o partido nacionalista, é que durante a execución das obras producíronse desperfectos nas vivendas próximas que aínda non foron reparados nin se lles deu resposta.

“Hoxe, que o delegado do goberno tivo ocasión de comprobar estos desperfectos, puido comprometerse a solucionar esta problemática, que as súas propiedades queden, nin máis, nin menos, que como estaban antes das obras. Lamentable e incomprensiblemente, ata onde puidemos saber, o delegado deu a calada por resposta diante da veciñanza, co beneplácito do Goberno municipal coa súa alcaldesa, tamén do PSOE, a cabeza”, denunciou o portavoz do BNG en Bergondo, David Carro.

O BNG lembrou que esta situación xa fora advertida tanto no pleno municipal como a través de iniciativas do deputado Néstor Rego no Congreso, pero aínda así segue sen resolverse. Ademais, Carro pediu que o Goberno local aproveitase a visita para lembrar ao delegado do Goberno as “múltiples débedas pendentes” que o Estado ten con Bergondo, entre elas “a pasarela peonil de Bos, a problemática das inundacións, a humanización do centro de Guisamo, a mellora para atravesar con seguridade en Raxás, as rotondas de Cortiñán ou a mellora do Regueiro”.

“As visitas están moi ben se se traducen en avances e melloras para Bergondo, non só para sacar a foto. Menos foto e máis xestión”, concluíu o portavoz nacionalista.

⚙ Configurar cookies
0.18191885948181