O BNG de Bergondo propón melloras laborais para o persoal municipal nunha iniciativa rexeitada

O BNG de Bergondo levou ao último pleno unha proposta centrada na mellora das condicións laborais do persoal do Concello, resultado dun proceso de diálogo directo coas representantes das traballadoras municipais. A iniciativa recollía unha batería de medidas para actualizar e dignificar o marco laboral existente, que leva máis dunha década sen revisarse.
Entre as principais demandas, o Bloque reclamaba a actualización da Relación de Postos de Traballo (RPT) e do convenio colectivo, a implantación dunha carreira profesional, a regulación do complemento de produtividade mediante criterios obxectivos, un plan de igualdade laboral con medidas reais de conciliación, e a creación de novas prazas que permitan facer fronte ao crecemento de servizos e poboación.
“Para prestar unha boa atención e uns bos servizos públicos á veciñanza cómpre que o persoal conte con condicións de traballo axeitadas, acordes a cada posto, ben remuneradas e cunha organización óptima”, sinalou o portavoz municipal do BNG, David Carro. “Cómpre tamén recoñecer o esforzo das traballadoras e fomentar o seu ascenso profesional dentro das posibilidades e cunhas condicións previamente acordadas”.
A proposta tamén puxo o foco na situación crítica dalgunhas áreas como urbanismo, onde a falta de persoal mantén paralizada a súa actividade. “Moitos concellos como Bergondo vense obrigados a asumir competencias impropias sen dispoñer de medios suficientes. Precisamos crear prazas para garantir unha atención adecuada”, apuntou Carro.
A moción, con todo, non contou co apoio do resto de grupos políticos da corporación, saíndo adiante unicamente cos votos favorables do BNG. “Lamentamos que o resto de grupos non se amosaran favorábeis de ampliar e mellorar dereitos laborais que solicita o propio persoal municipal. Estas melloras beneficiarían non só ás traballadoras e traballadores, senón tamén ao conxunto da veciñanza”, concluíu o portavoz nacionalista.