O BNG de Bergondo insta a desbloquear a situación do departamento de Urbanismo do Concello

ACoruñaXa
"Debido á escaseza de persoal as obras tanto municipais como de particulares retrásanse" asegurou David Carro
Imaxe de David Carro, voceiro do BNG en Bergondo
8 May 2025

O BNG de Bergondo insta ao Goberno local a solucionar o bloqueo do departamento de Urbanismo do Concello. Sobre isto, o portavoz nacionalista David Carro, resaltou: "Debido á escaseza de persoal as obras tanto municipais como de particulares retrásanse e non se controlan como deberan tanto as obras maiores como as máis pequenas. Seguimos sufrindo retrasos na elaboración do PXOM e diminución nos ingresos por licenzas ou permisos, a falta de información á oposición ou a sensación de impunidade".

Valora así que se trata de consecuencias graves para o normal funcionamento do concello, mentres que o "Goberno Local se mostra conformista e aletargado, sen propostas para resolvelo pero sen aceptar tampouco as nosas propostas".

O BNG denuncia tamén que debido a este bloqueo o Goberno Local non facilita documentación requirida para fiscalizar o traballo do equipo de goberno. "Solicitamos copia dun expediente urbanístico. Temos información de que as persoas propietarias presentaron unha comunicación previa e están agardando o informe do técnico municipal", indicou o portavoz nacionalista David Carro.

"Aparentemente, as obras non coinciden coa comunicación previa, e pasado un tempo solicitamos de novo copia do expediente. A resposta é unha mostra máis da saturación do departamento ", expuxo Carro. "A inxente cantidade de traballo fai que o técnico non poida informar nos prazos establecidos ao ter expedientes en espera e moi atrasados. Ademais seria necesaria unha inspección da edificación co fin de realizar un informe detallado do estado actual e posíbeis actuacións no edificio”, engadiu Carro.

“Tampouco se precisa unha data aproximada para realizar o informe. Esta resposta é unha mostra máis do bloqueo do departamento que está sufrindo toda a veciñanza”, concluíu o portavoz do partido nacionalista.

⚙ Configurar cookies
0.16098380088806