O BNG de Bergondo critica a xestión do Goberno local ante a paralización do departamento de Urbanismo

ACoruñaXa
O grupo nacionalista considera actualmente colapsado e sen capacidade de resposta axeitada ás demandas da veciñanza
bergondo-bng
4 Apr 2025

O grupo municipal do BNG de Bergondo denunciou a negativa do Goberno local a apoiar a súa proposta para desbloquear a situación crítica que vive o departamento de Urbanismo do Concello, actualmente colapsado e sen capacidade de resposta axeitada ás demandas da veciñanza.

Durante o último pleno ordinario, o BNG puxo sobre a mesa unha iniciativa que procuraba aliviar a saturación do departamento mediante a contratación dunha asistencia técnica temporal. Segundo explicou o concelleiro nacionalista Miguel Nogueira, esta medida permitiría "informar dunha parte dos expedientes acumulados, algúns dos cales levan pendentes dende hai dous anos".

Nogueira subliñou que a situación vén de lonxe e que as baixas do persoal técnico agravaron aínda máis a precariedade do servizo, chegando incluso a deixar o departamento sen persoal cualificado en determinados momentos. “Isto repercute directamente na atención á veciñanza, que ve como se atrasan permisos, licenzas e actuacións fundamentais para o seu día a día”, afirmou.

O concelleiro do BNG tamén puxo en dúbida a eficacia das medidas tomadas ata o de agora polo Goberno Local, como recorrer a listas de substitución ou á contratación por acumulación de tarefas. “Ningunha destas solucións conseguiu frear a parálise do servizo, polo que é imprescindible adoptar novas medidas con carácter urxente”, insistiu.

Desde a formación nacionalista lamentan a falta de decisión do Goberno Local para afrontar un problema que, segundo indican, “está a paralizar o Concello”. Nogueira advertiu de que esta inacción está a provocar a fuga de proxectos cara a outros municipios máis áxiles, a perda de ingresos para as arcas municipais e o enésimo atraso na tramitación do tan necesario PXOM.

"Se noutros concellos xa están a adoptar medidas semellantes como solución de urxencia, por que Bergondo sempre ten que ir ao ralentí?", preguntouse o edil do BNG, esixindo ao Executivo local máis valentía e compromiso coa veciñanza.

O BNG insta ao Goberno a reconsiderar a súa postura e a priorizar a resolución dunha situación que cualifican de "grave e insostible" para o futuro urbanístico e administrativo do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.15786814689636