O BNG de Bergondo achega as súas propostas para a celebración do Ano Viqueira

ACoruñaXa
Algunhas das propostas do grupo nacionalista de Bergondo para homenaxear ao escritor Xoán Vicente Viqueira son visitas guiadas, un certame literario ou ciclo de conferencias
Imaxe da casa Quinta Cortón en Bergondo
7 Mar 2024

O BNG de Bergondo presentou as súas propostas para a celebración do 'Ano Viqueira', que o pleno declarou por unanimidade a instancias do grupo municipal nacionalista. “Neste 2024 cómprese o centenario de Viqueira e para lembralo propomos establecer un contacto institucional coa Institución Libre de Ensinanza e o Instituto Xoán Vicente Viqueira, para establecer unha colaboración”, explicou o portavoz do BNG David Carro.

Desde o BNG propoñen tamén facer unha ofrenda floral no cemiterio de Ouces, onde descansan os seus restos a coincidir co seu falecemento o 29 de agosto ou co seu nacemento o 22 de outubro. “Propomos tamén que se instale unha placa conmemorativa, que se organicen visitas guiadas e dramatizadas á Quinta Cortón, e a edición de material didáctico e informativo sobre a súa figura para escolares e para o público en xeral”, engadiu o voceiro nacionalista.

Ademais, a creación dun certame literario ou de investigación co seu nome, relacionado coa súa labor, ou un ciclo de relatorios, charlas, conferencias con persoas coñecedoras da figura como historiadores, familiares, membros das facultades de psicoloxía, antropoloxía e filosofía, e do instituto de estudios e investigación psicosocial Xoan Vicente Viqueira, son outras das completas propostas que presentan dende o grupo municipal nacionalista.

Por último, dende o BNG tamén propuxeron a contratación e difusión do proxecto musical “Quinta San Vitorio” do recoñecido Pedro Lamas que rende homenaxe a Viqueira e a súa muller, Jacinta Landa, que gravou nos anos 50 unhas cintas con música que grazas a investigación de Lamas poden volver ser interpretadas hoxe.

Doutra banda, dende o BNG lembraron que  seguen a traballar en todas as administracións para unha posible adquisición para patrimonio público da Quinta Cortón, lugar de residencia de Viqueira na bergondesa parroquia de Vixoi, e dedicar esta a usos culturais ou socioeducativos.

0.18973207473755