O BNG de Arteixo propón a creación dunha Valedoría de Igualdade en Galicia

Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Arteixo, a través do seu concelleiro Raúl Fernández Iglesias, presentará no pleno municipal do próximo 27 de febreiro unha moción para instar á Xunta de Galicia a aprobar por lei a creación dunha Valedoría de Igualdade. O obxectivo é establecer un órgano independente que defenda a cidadanía fronte a situacións de discriminación de xénero, especialmente no sector privado.
Durante a exposición de motivos, Fernández destacou a crecente necesidade do feminismo en 2025 para facer fronte ao avance do machismo e das posturas reaccionarias. Alertou sobre o aumento da desigualdade, a persistencia da fenda salarial e a feminización da pobreza en Galicia, agravada polas últimas reformas laborais e o deterioro dos servizos públicos.
O concelleiro subliñou que a nova Valedoría funcionaría como un organismo de investigación, asesoramento, mediación e elaboración de propostas de sanción. Tería como misión garantir que os dereitos lexislados se convertan en dereitos reais, abordando especialmente os casos de discriminación no ámbito privado, onde actualmente non existe un órgano similar.
Fernández Iglesias chamou á acción efectiva fronte ás declaracións de intencións e pediu ás institucións galegas que se sumen ás demandas do feminismo galego para construír unha Galicia máis xusta e igualitaria. A moción busca posicionar á comunidade entre as máis avanzadas na promoción da igualdade e a loita contra a discriminación de xénero.