O BNG de Arteixo impulsa unha moción conxunta para esixir a legalización do núcleo de Suevos

ACoruñaXa
A moción reclama que o Goberno local retome con urxencia os trámites para legalizar as vivendas existentes
Fotografía da Casa do Concello de Arteixo
23 May 2025

O grupo municipal do BNG de Arteixo, xunto con Alternativa dos Veciños e o PSOE, vén de rexistrar unha moción conxunta para o vindeiro pleno municipal co obxectivo de desbloquear a situación de alegalidade que vive o núcleo costeiro de Suevos. A proposta pretende reactivar o proceso de legalización que leva máis dunha década sen avances significativos.

Segundo denuncia o portavoz nacionalista, Xurxo Couto, a veciñanza de Suevos leva anos atrapada nun limbo urbanístico, mentres empresas da contorna legalizan sen atrancos as súas actividades e instalacións. “Dá a impresión de que o goberno local só se lembra deste tema cando hai eleccións. Agora mesmo, a situación está peor que en 2012”, afirmou.

O BNG traslada que o proceso de legalización iniciouse en 2012, impulsado pola Asociación de Veciños San Pancracio de Suevos, que mantivo numerosas reunións co alcalde Carlos Calvelo e o concelleiro de Urbanismo, Alberto Castro. A nova Lei de Costas de 2013 e outras modificacións normativas abriron unha xanela de oportunidade para regularizar o núcleo, pero os avances foron escasos e desiguais.

Durante estes anos, indica, os residentes tiveron que facer fronte a ameazas de derrubos, multas coercitivas e demoras administrativas. Mentres tanto, outras zonas industriais do municipio —como a fábrica de Sarval ou o polígono de Mafriesa— acadaban a súa legalización, evidenciando o que o BNG considera un agravio comparativo co tecido residencial.

A moción reclama que o Goberno local retome con urxencia os trámites para legalizar as vivendas existentes no núcleo e, a continuación, dote a zona dos servizos básicos municipais. A oposición lembra que en outubro de 2024 anunciouse que a Xunta dera o visto bo á modificación normativa proposta polo Concello para regularizar varios núcleos costeiros, incluído Suevos. Porén, en 2025, segundo denuncia o BNG, “a realidade segue estancada ou mesmo empeorou, con vivendas derrubadas e máis presión sobre a veciñanza”.

Ademais, a aparición de novos proxectos industriais na contorna, como un parque eólico, engade preocupacións sobre o futuro do núcleo. Os promotores da moción preguntan se a demora na legalización responde a intereses ligados a estas novas instalacións, xa que a poboación afectada non pode exercer dereitos plenos en situación de alegalidade.

A proposta será debatida no pleno ordinario deste mes de maio e os grupos asinantes agardan que o Goberno local se comprometa finalmente cun proceso de legalización xusto e transparente para Suevos e a súa veciñanza.

 

⚙ Configurar cookies
0.15966010093689