O BNG de Arteixo demanda compromisos reais para a realización do enlace de Meicende

ACoruñaXa
Segundo o portavoz municipal, Xurxo Couto, os informes do ministerio seguen sendo contrarios á construción
foto-Néstor,-Raúl-e-Xurxo
5 Feb 2025

O portavoz municipal do BNG en Arteixo, Xurxo Couto, criticou as recentes declaracións do alcalde sobre a suposta consecución de avances en infraestruturas clave para o municipio. Segundo Couto, o rexedor "vende fume", xa que non hai compromisos reais nin para a realización do enlace de Meicende nin para evitar a instalación da estación de mercadorías en Uxes.

As críticas do BNG chegan despois de que as redes sociais do Concello aseguraran que o alcalde lograra que o ministro de Transportes vise a necesidade destas obras. Porén, segundo Couto, os informes do ministerio seguen sendo contrarios á construción do enlace de Meicende. Neste sentido, destacou que só o BNG, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, está impulsando unha emenda para incluír esta obra nos orzamentos do Estado.

En canto á estación de mercadorías en Uxes, o portavoz do BNG advertiu que o compromiso anunciado polo Ministerio de "estudar" a posibilidade de trasladala a Ledoño non significa unha renuncia efectiva á súa instalación en Uxes. Ademais, lembrou que esta alternativa xa fora proposta polo BNG hai meses a través dunha iniciativa levada ao Congreso.

"'Estudar a posibilidade' non é ningún compromiso real, e iso sábeno tanto no goberno local como no BNG de Arteixo, pois xa temos visto como as nosas propostas ao goberno do PP quedan no limbo das actuacións", afirmou Xurxo Couto.

O BNG insiste en que a súa formación é a que realmente ten capacidade de impulsar solucións concretas para os problemas de Arteixo, fronte ás "manobras de distracción" do alcalde.

 

0.15713119506836