O BNG de Abegondo reclama accións urxentes nas estradas municipais ante o seu estado “perigoso”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Abegondo vén de trasladar ao pleno municipal unha moción na que esixe actuacións inmediatas e planificadas para mellorar o estado das estradas de titularidade municipal, atendendo ás reiteradas demandas veciñais. A formación nacionalista alerta da existencia de tramos en condicións “deficientes e perigosas”, tanto para peóns como para vehículos, que levan tempo sen recibir atención por parte do Goberno local.
A proposta nace, segundo explican, da escoita directa da cidadanía, que leva meses denunciando fochancas, falta de sinalización, ausencia de iluminación e a inexistencia de medidas de seguridade en tramos especialmente delicados. Un dos puntos máis sinalados é a estrada entre Ardexurxo e a Cruz de Beira, na parroquia de Sarandós, onde o firme está notablemente deteriorado, especialmente tras as recentes obras de saneamento.
Outro dos focos de preocupación é a ponte sobre o río Barcés, que carece de iluminación e de sinalización viaria, obrigando os peóns a camiñar pola calzada, con risco evidente para a súa seguridade. Tamén se puxo o acento na estrada que une Abegondo con Presedo, unha vía moi frecuentada por camións madeireiros. Segundo explicou o voceiro municipal do BNG, Blan García Roel, esta estrada presenta un trazado estreito, curvas perigosas, escasa sinalización e carece de beiravías ou sendas peonís.
Desde o BNG reclaman intervencións concretas e inmediatas, como a reparación do firme e a colocación de sinalización adecuada entre Ardexurxo e Cruz de Beira, así como medidas de seguridade na ponte do Barcés. En canto á estrada cara a Presedo, propoñen a creación de sendas para peóns nos puntos máis conflitivos, a mellora do firme, colocación de bandas rugosas e reforzo do control da velocidade.
“Non podemos permitir que as estradas do noso concello sigan a ser un perigo diario para quen as transita. A veciñanza leva tempo advertindo e xa é hora de que o goberno actúe”, sentenciou García Roel, reclamando un plan serio que dea resposta ás necesidades da poboación rural de Abegondo.