O BNG de Abegondo presenta alegacións á proposta de numeración dixital en Abegondo

ACoruñaXa
Blan García Roel afirma que hai un número importante de casas que cambian de parroquia e se reduce considerabelmente a riqueza toponímica
Imaxe do portavoz do BNG de Abegondo, Blan García Roel
2 sep 2024

O BNG de Abegondo presentou novas alegacións á proposta de numeración dixital. “Centrármonos en aspectos como grallas, documentación histórica, paradoxos e contradicións que se dan entre o actual PXOM e o plan de numeración dixital que se pretende levar adiante e que cremos que é necesario corrixir atendendo a unha perspectiva científica que se centre nas necesidades da veciñanza e que non se transforme nun quebracabezas para veciñas e veciños”, explicou Blan García Roel, portavoz do BNG de Abegondo. “Con todo tamén teremos en conta aquelas contradicións que o PXOM e o plan de numeración dixital mostra á hora de confrontármolo co Nomenclátor da Xunta da Galiza ou co Sitga”, engadiu.

“O plan de numeración dixital non é claro, hai un número importante de casas que cambian de parroquia, redúcese considerabelmente a riqueza toponímica do Concello, mesmo non respectando o Nomenclátor oficial, fusiónanse rueiros ou mesmo que cambian de localización”, informou o voceiro nacionalista. Desde o BNG indicaron que o problema arrástrase do PXOM, “a empresa redactora do proxecto tivo como base fundamental e documento de referencia o actual PXOM de Abegondo, mais este documento -como xa avisamos nas nosas alegacións e coa nosa abstención á aprobación do mesmo- está inzado de grallas na súa redacción”.

Ademais, a empresa redactora non tivo en conta a lexislación que existe sobre a conservación, mantemento e difusión do patrimonio toponímico da Galiza. “A empresa redactora descoñece a realidade xeográfica e social que ten o noso Concello xa que achamos en falta traballo de campo que verifique que toda a documentación de carácter teórico que se esta a manexar se corresponde coa realidade do día a día da nosa veciñanza”, indicou García Roel.

Por todo isto, o BNG de Abegondo demanda que se leve a cabo unha corrección de erros tanto no PXOM, como xa prometeu no pleno o propio alcalde pero que non se fixo, como no propio documento de numeración dixital que aínda esta en proceso de redacción.

0.17819404602051