O BNG de Abegondo anuncia o seu voto en contra ao orzamento municipal para o ano 2025

O BNG de Abegondo anunciou que votará en contra e presentará alegacións á proposta de orzamento municipal para o ano 2025, que será debatido no pleno extraordinario do próximo xoves. O portavoz do BNG, Blan García Roel, asegurou que o orzamento presentado polo Goberno local "é continuísta, moi similar ao do ano anterior, e non atende ás necesidades máis básicas da veciñanza, como saneamento, abastecemento de auga ou seguridade viaria".
García Roel criticou a xestión do Goberno local, destacando que "o goberno local é incapaz de executar as súas propias previsións orzamentarias, acumulando máis de 2,1 millóns de euros de remanente líquido de tesourería para gastos xerais, o que supón aproximadamente un 30 % do orzamento proposto para 2025". Segundo o voceiro nacionalista, "non ten capacidade para executar o gasto, mentres a veciñanza sofre atrasos en obras e servizos, como a execución de paviementacións e obras de seguridade viaria comprometidas desde hai anos".
O BNG tamén criticou o modelo de subvencións do Goberno local, que, segundo García Roel, "mantén o sistema de subvencións a dedo, con 112.000 dos 168.000 euros totais destinados a este tipo de axudas, sen un plan de subvencións como esixe a lei". O portavoz do BNG subliñou que "todas as asociacións e clubs deportivos deben ter as mesmas oportunidades de optar aos cartos públicos", e insistiu en que este modelo non é compartido polo partido.
Por último, García Roel denunciou que o Goberno do PP mantén partidas orzamentarias para publicidade e autobombo, "mentres que as necesidades reais da veciñanza seguen sen ser atendidas". Deste xeito, o BNG anunciou que presentará alegacións ao orzamento para incluír propostas como un plan integral de mellora viaria en Cullergondo e Xuanzo ou as axudas para a instalación de paneis solares.
"Trátase dun orzamento que non serve para mellorar o día a día da veciñanza. O BNG continuará loitando para que as propostas dos veciños e veciñas de Abegondo sexan tidas en conta", concluíu García Roel.