O BNG da Coruña volverá levar ao Pleno a situación crítica do COF de Orillamar

ACoruñaXa
Avia Veira critica que o centro continúa derivando consultas ao COF do Ventorrillo ou á unidade de psiquiatría de Oza
Centro de Orientación Familiar Orillamar
3 Jun 2025

A concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira, volverá presentar no Pleno municipal unha moción para denunciar a grave situación que atravesa o Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, “á beira do colapso por falta de profesionais”, tras constatar que as conversas entre o Goberno local e o SERGAS para acordar un novo convenio seguen sen avances.

A edil nacionalista lembra que no mes de maio xa fora aprobada unha moción co apoio maioritario do Pleno —cos votos en contra do PP— na que se reclamaba á Xunta a formalización dun novo acordo de colaboración co Concello, ante a caducidade do anterior. “Un mes despois, non se ten anunciado ningunha novidade ao respecto. Seguimos cos parches, isto é, cos recortes á atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres”, denuncia Veira.

A nacionalista critica que o centro continúa derivando consultas ao COF do Ventorrillo ou á unidade de psiquiatría de Oza, o que está a provocar unha sobrecarga nas profesionais deses servizos. Por iso, insta directamente á alcaldesa a actuar con determinación: “Non vale tirar con parches mentres se demoran as conversas coa Xunta. A alcaldesa ten que liderar a solución a este grave problema”.

Neste sentido, Veira insiste en que Inés Rey debe “poñerse á fronte da negociación dun novo convenio co SERGAS” e asumir un papel activo para garantir a continuidade e o funcionamento do centro, que foi “pioneiro no coidado da saúde sexual e reprodutiva das coruñesas”.

Segundo alerta a concelleira, actualmente o COF de Orillamar só conta con dúas prazas cubertas das varias que contempla o seu cadro de persoal: unha xinecóloga e unha matrona. As vacantes de psicoloxía, traballo social e administración seguen sen cubrir. “Non hai nin quen colla o teléfono para axendar unha cita”, subliña.

A moción aprobada en maio recollía que, no marco dun novo convenio, a Xunta asumiría a dotación de persoal necesaria, mentres que o Concello achegaría as instalacións e o equipamento.

Avia Veira levará de novo a cuestión ao Pleno deste xoves cunha mensaxe clara: que a alcaldesa “se poña ao fronte do problema” e “faga o que teña que facer, chame a quen teña que chamar” para evitar o desmantelamento do COF de Orillamar e lograr que o centro recupere todo o seu persoal.

⚙ Configurar cookies
0.35851788520813