O BNG da Coruña urxe a firma do novo convenio para o COF de Orillamar ante a falta de prazas

ACoruñaXa
Trasladan que a situación é preocupante xa que máis de 300 mulleres están en lista de espera para unha consulta xinecolóxica
Centro de Orientación Familiar Orillamar
26 Jun 2025

O BNG da Coruña alertou no Parlamento galego do risco de desmantelamento que sofre o Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, mentres o xerente do SERGAS, José Ramón Parada, confirmou que “xa existe un borrador de novo convenio entre a Xunta e o Concello para a xestión do COF de Orillamar”. A afirmación produciuse en resposta a unha pregunta oral formulada pola deputada nacionalista Mercedes Queixas na Comisión de Sanidade.

A parlamentaria acolleu a nova con cautela e urxiu concreción: “É unha nova, mais debe vostede esclarecer cando imos ter ese novo convenio. A saúde sexual e reprodutiva das mulleres da Coruña e da comarca non poden continuar a agardar máis”. Porén, o xerente evitou comprometer prazos concretos e tampouco confirmou se a Xunta asumirá a totalidade do persoal do centro no novo marco de colaboración.

O COF atópase nunha situación crítica, segundo denunciou Queixas, tanto pola falta de persoal como polas consecuencias que isto está a ter para as usuarias. “A segunda praza de xinecoloxía non está cuberta desde que se xubilou a súa anterior titular, en 2020”, lembrou, desmentindo ao propio xerente, que asegurara que todas as prazas estaban cubertas.

A escaseza de profesionais está a provocar unha acumulación preocupante de citas pendentes: máis de 300 mulleres están en lista de espera para unha consulta xinecolóxica e xa non queda ningunha cita dispoñíbel para o que resta de 2025. “A situación é particularmente grave porque se están acumulando demoras de máis dun mes na listaxe de agarda para citas xinecolóxicas urxentes”, subliñou a deputada.

A moción aprobada no Pleno do Concello da Coruña o pasado mes de maio, promovida polo BNG, solicitaba un novo convenio no que a Xunta asumise o persoal e o Concello as instalacións e equipamentos. Con todo, o grupo municipal do PP votou en contra desa iniciativa.

Queixas tamén denunciou a situación límite do equipo administrativo: “Actualmente só hai unha praza de auxiliar administrativo no COF, non as 3 que debería haber. E como consecuencia, a maior parte do tempo non hai alí quen poda coller o teléfono. O persoal está totalmente desbordado”.

Fronte a isto, Parada limitouse a responsabilizar o Concello, o que levou á nacionalista a criticar a actitude da Xunta: “É típico da Xunta, non asumir as súas propias responsabilidades, cando, como é sabido, as competencias en materia sanitaria son exclusivas da Administración galega”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.1673538684845