O BNG da Coruña traslada lograr que o incremento da taxa do lixo se aplique de forma gradual até 2029

ACoruñaXa
A formación nacionalista defende que traballou para que a nova taxa se aplique con criterios de progresividade
Imaxe da bancada do BNG no pleno da Coruña de maio
31 Jul 2025

O grupo municipal do BNG da Coruña anunciou que, tras un proceso de negociación co Goberno Local, acadou que a suba da taxa do lixo se implante de maneira progresiva até o 1 de xaneiro de 2029. Sinalan os nacionalistas que a medida vén determinada pola obriga de cumprir cunha directiva europea, polo que o Concello deberá actualizar o importe deste servizo de forma gradual nos vindeiros anos.

Desde a formación nacionalista sinalan que “como en calquera outro debate que envolva a suba de taxas, este é un asunto moi propicio para a práctica da demagoxia fiscal”. Porén, aseguran que o seu obxectivo foi afastarse desa dinámica e centrarse en introducir melloras sociais no texto da ordenanza.

Nese sentido, o BNG defende que traballou para que a nova taxa se aplique con criterios de progresividade. “Isto é, que afectase máis a grandes xeradores, nomeadamente empresas cuxas actividades producen moito lixo”, explican. Ademais, puxeron sobre a mesa a necesidade de establecer un sistema de exencións e deducións que teñan en conta situacións de vulnerabilidade social.

Outra das claves da negociación foi a incorporación dun período de adaptación, que o Bloque considera fundamental para “aliviar o impacto que a actualización terá entre a veciñanza”.

A nova Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida, xestión e tratamento de residuos de competencia local será debatida nun pleno extraordinario. A posición do BNG será defendida polo seu voceiro municipal, Francisco Jorquera.

⚙ Configurar cookies
0.18859004974365