O BNG da Coruña reclamará máis zonas verdes e protección do patrimonio arbóreo

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, defenderá no Pleno do vindeiro xoves 10 de abril unha moción centrada na urxencia de incrementar de maneira significativa as zonas verdes da cidade e avanzar no coidado do patrimonio natural urbano.
Na iniciativa, o Bloque reclama ao Goberno local que actualice e desenvolva o Plan de Infraestruturas Verdes co obxectivo de garantir a protección da flora e do patrimonio arbóreo da cidade.
Segundo expón Jorquera, actualmente a Coruña conta con arredor de 25.000 árbores, unha cifra “moi por baixo” do recomendado polos expertos, que estiman que unha cidade con 251.000 habitantes debería contar entre 40.000 e 50.000 exemplares.
O portavoz nacionalista lembra que no Pleno do 3 de xuño de 2021 o Concello ratificou a súa adhesión ao Acordo por unha Cidade Verde, un compromiso europeo para mellorar a calidade e extensión das infraestruturas verdes. Porén, lamenta que na Coruña ese acordo non pasase de ser “unha simple declaración de intencións”.
Jorquera defende que unha verdadeira cidade verde é aquela na que se pode acceder a un espazo natural sen depender do coche, en liña co modelo da “cidade dos 15 minutos”, onde os veciños e veciñas poidan desfrutar dunha zona verde cun pequeno paseo dende as súas casas. Tamén insiste en que a presenza da natureza debe ir máis alá de parques e xardíns, incluíndo árbores e xardíns verticais en rúas, prazas e novas áreas peonís.
A moción nacionalista recolle diversas propostas concretas:
- Aumentar substancialmente o número de árbores na cidade.
- Promover especies autóctonas e erradicar as invasoras.
- Incluir arborado en todas as novas actuacións no espazo público.
- Cumprir co Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local das Illas de San Pedro.
- Impulsar o Plan de Conservación do ENIL da Torre de Hércules.
- Crear novas zonas verdes, dando prioridade aos parques pendentes de construción: Agra, Vixía e Monte Martelo.
Con esta moción, o BNG busca avanzar cara a unha Coruña máis sostible, verde e saudábel, que poña no centro o benestar da veciñanza e o coidado do seu entorno natural.