O BNG da Coruña reclama explicacións polos expedientes sancionadores á residencia Concepción Arenal

O Bloque Nacionalista Galego da Coruña volve poñer o foco sobre a situación da Residencia de Maiores Concepción Arenal, situada na rúa Sebastián Martínez Risco, logo de coñecerse que a Xunta de Galicia ten tramitado varios expedientes sancionadores contra a empresa concesionaria da súa xestión.
En resposta a preguntas formuladas por escrito pola deputada do BNG Mercedes Queixas, o Goberno galego recoñeceu a existencia de ditos expedientes, derivados de diferentes inspeccións realizadas nos anos 2022, 2023 e 2024. Segundo a información achegada, algunhas das infraccións detectadas son de carácter leve, mais tamén se tramitaron sancións por faltas graves, como a falta de persoal suficiente ou a presenza de traballadores sen a titulación esixida pola normativa vixente, situacións que afectan negativamente á calidade da atención prestada.
Ante esta realidade, o grupo nacionalista anuncia unha nova batería de iniciativas institucionais, tanto por escrito como orais, que serán levadas ao Pleno e ás comisións municipais. O obxectivo é que a Xunta dea conta do seu papel fiscalizador respecto desta residencia privatizada pola administración autonómica.
“Queremos saber se a Xunta está a supervisar o cumprimento da Lei de Servizos Sociais por parte da concesionaria. Queremos saber se está a garantir que o coidado das persoas maiores é un dereito e non un negocio”, afirma Mercedes Queixas, quen vén facendo seguimento da situación deste centro nos últimos anos.
O BNG denuncia que as queixas contra a empresa van máis alá das cuestións administrativas, xa que fan referencia tanto ao deterioro das condicións laborais do persoal como á degradación da atención asistencial ás persoas residentes. Un feito que, segundo apuntan, require unha resposta clara e contundente por parte da Xunta de Galicia.
Neste sentido, Queixas tamén demanda coñecer se os expedientes sancionadores xa foron resoltos e cal é o procedemento que está a seguir a administración autonómica para garantir que a empresa concesionaria cumpre coa Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia, concretamente nos seus artigos 80 d), 81 f) e 81 g), nos que se tipifican as infraccións detectadas nas inspeccións realizadas.
Con esta nova ofensiva institucional, o BNG busca garantir transparencia na xestión da residencia e salvagardar os dereitos das persoas maiores que viven nela, así como as condicións do persoal que as atende.