O BNG da Coruña reclama explicacións polas “irregularidades” nas áreas de Cultura e Turismo

O grupo municipal do BNG da Coruña compareceu ante os medios para esixir responsabilidades pola xestión das áreas de Turismo e Cultura por parte do Goberno Local. A formación nacionalista solicitará a comparecencia do concelleiro delegado destas áreas, Gonzalo Castro, no próximo Pleno ordinario de xullo, co fin de que dea conta de “diversas irregularidades” detectadas na súa xestión.
O portavoz do BNG, Francisco Jorquera, lembrou que a situación non é nova: “Hai algo máis dun ano denunciamos situacións escandalosas de impagos no IMCE”, en referencia aos 3,3 millóns de euros que foron regularizados a través dun recoñecemento extraxudicial de créditos aprobado polo Pleno o 6 de xuño de 2024.
Con todo, os nacionalistas aseguran que os problemas persisten. Segundo estimacións do grupo, actualmente hai facturas pendentes no IMCE por un total de 1.057.718,92 euros, derivadas de compromisos de gasto “sen crédito dispoñible ou sen contratos asinados”. Jorquera advertiu que durante o debate do anterior recoñecemento extraxudicial xa alertaran de que “os retrasos nos pagamentos do IMCE constituían unha bola de neve que non paraba de medrar, froito da cultura do ti vai facendo”.
O BNG insiste en que se trata dun “problema estrutural” e que se deben tomar medidas urxentes para evitar que se cronifique. A resposta do Goberno Local foi, segundo lembran, un compromiso para facer unha análise e auditoría do sector institucional, pero Jorquera denuncia que “nada se fixo nese sentido” e que agora “atopámonos, outra volta, con que hai impagos por máis dun millón de euros”.
Entre os exemplos máis chamativos, o BNG sinala o caso do Womex 2023, no que, segundo explicaron, “o servizo de coordenación técnica, a produción executiva e asistencia fora contratado verbalmente, ao non se poder formalizar un contrato por falta de crédito adecuado e suficiente”. Unha situación que levou ao Concello a indemnizar á empresa por un importe de 140.000 euros, “prescindindo total e absolutamente do procedemento legal establecido”.
Tamén se apuntan prácticas como a prestación de servizos idénticos en días sucesivos sen licitación conxunta, o que, en palabras de Jorquera, “causa prexuízos económicos ao Concello”.
A situación do Consorcio de Turismo e Congresos tamén está no punto de mira. O BNG denuncia que hai facturas sen pagar por valor de 70.000 euros, algunhas pendentes desde hai anos. Ademais, o Consorcio perdeu unha subvención da Deputación de 150.000 euros pola falta de detalle no orzamento e, máis grave aínda, por manter débedas coa Axencia Tributaria. “Como é posíbel que unha entidade que tiña que dar exemplo, teña débedas coa Axencia Tributaria?”, preguntouse Jorquera, esixindo coñecer a contía, o concepto e os motivos da débeda.
Por último, o portavoz do BNG advertiu que a alcaldesa, Inés Rey, non pode desvincularse da situación: “Agardamos que a alcaldesa facilite a dación de contas. A alcaldesa ten unha responsabilidade evidente. Non só porque é quen nomea os concelleiros da área, delegando neles unha serie de competencias, senón porque tamén ostenta a presidencia do IMCE e do Consorcio de Turismo e Congresos”.