O BNG da Coruña reclama a reparación e mellora das escaleiras entre Monelos e Xuxán

ACoruñaXa
Segundo denuncia a formación o estado actual supón un serio risco para as persoas que as utilizan a diario
bng-escaleiras
13 Jun 2025

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, levará ao Pleno do mes de xullo un rogo oral no que demanda actuacións urxentes sobre as escaleiras que conectan a Avenida de Monelos coa rotonda de acceso ao barrio de Xuxán. Segundo denuncia, o estado actual destas escaleiras supón un serio risco para as persoas que as utilizan a diario.

Estas escaleiras, empregadas habitualmente por veciñas e veciños da zona para acceder aos supermercados Eroski e Lidl sen ter que dar un grande rodeo, presentan varios problemas: son estreitas, os chanzos están deteriorados e non contan con elementos que garantan a accesibilidade universal.

“Polo seu deficiente estado, estas escaleiras”, refire Jorquera no texto do rogo oral, “representan un perigo para os peóns, pois, de feito, téñense producido caídas”.

Ademais, o portavoz nacionalista subliña que a infraestrutura carece de ramplas, o que imposibilita o uso por parte de persoas con mobilidade reducida, carros de bebé ou outras necesidades específicas.

Por todo isto, o BNG insta o Goberno Local a acometer a ampliación e reparación das escaleiras, así como a acompañar esta intervención coa mellora do camiño contiguo, incorporando ramplas que garantan a accesibilidade para toda a cidadanía, independentemente da súa condición funcional.

⚙ Configurar cookies
0.15817999839783