O BNG da Coruña propón crear un carril bus na cidade

O BNG da Coruña propón implantar un carril bus na cidade co obxectivo, din, de “facer da Coruña unha cidade máis sostible e cun tránsito menos conxestionado, con tempos de desprazamento máis curtos”.
A concelleira nacionalista, Avia Veira, unha cuestión ao respecto ao Pleno do vindeiro xoves 11 de decembro en forma de pregunta oral, para instar ao Goberno local a repoñer este servizo que lembra, foi suprimido polo PP durante a Alcaldía de Carlos Negreira, e no comezo do seu mandato (2011-2015). “Ningún goberno local foi quen de o repor desde aquela altura”, sinalan dende o BNG.
“A Coruña necesita un carril bus. Necesítao para lle aforrar tempo ás persoas que recorren ao transporte público urbano. Necesítao para lle facilitar o traballo ás condutoras e condutores dos buses. E necesítao para alixeirar o tránsito na cidade”, resalta Veira.
Segundo a responsable de Mobilidade no grupo municipal nacionalista, dito carril repercutiría “nunha mellor mobilidade e, por conseguinte, nunha mellor calidade de vida para as coruñesas e coruñeses”.
A concelleira lamenta que o Goberno Local non materializase o proxecto de instalar un carril bus en Xoán Flórez, após lle encargar a redacción dun estudo a unha consultora, e lembra que o Concello dispuña de 500.000 euros de fondos Next Generation para os investir nesa infraestrutura de mobilidade.
“Non entendemos por que non se impulsa a instalación do carril bus. Falamos dunha decisión que se pode levar á práctica de forma rápida e que é unha medida moi efectiva, como se pode comprobar en múltiples cidades europeas”, argúe Veira, quen salienta que “a mobilidade é unha competencia propia do Concello, así que a instalación do carril bus depende exclusivamente da vontade política do Goberno de Inés Rey”.