O BNG da Coruña propón cambiar o nome da Rúa Alcalde Sanjurjo por Rúa Diplomáticos de Monte Alto

ACoruñaXa
A proposta foi impulsada pola asociación cultural Alexandre Bóveda segundo trasladou a concelleira Mercedes Queixas
Mercedes_Queixas
8 Jul 2025

O BNG da Coruña presentará no Pleno do vindeiro venres unha moción para que a Rúa Alcalde Sanjurjo cambie de nome e pase a chamarse Rúa Diplomáticos de Monte Alto, nunha iniciativa amparada pola Lei de Memoria Democrática.

A concelleira do BNG, Mercedes Queixas, explicou que “un represor fascista que mesmo chegou a ser poñente de sentenzas de morte nos anos 40 do pasado século non pode dar nome a unha rúa da cidade”. A proposta, que recolle o sentir das veciñas e veciños de Monte Alto e do tecido musical da cidade, foi impulsada pola asociación cultural Alexandre Bóveda, sinalou Queixas: “Damos así traslado a unha proposta impulsada pola asociación cultural Alexandre Bóveda e que recolle o sentir das veciñas e dos veciños de Monte Alto e de moitos profesionais do vizoso tecido musical da cidade”.

Para o BNG, “é de xustiza que se lle retire esta honra a quen, alén de participar directamente no golpe fascista de 1936 e na cruel represión posterior á conclusión da guerra, foi alcalde durante a ditadura franquista”. A concelleira tamén lembrou que “o Goberno de Inés Rey aínda ten moito traballo a facer para dar cumprimento á Lei de Memoria Democrática e para aplicar o informe elaborado polo Instituto José Cornide en relación aos nomes do rueiro da nosa cidade que continúan vinculados coa Ditadura e coa represión franquistas”.

Ademais, Mercedes Queixas recordou que o nome de Eduardo Sanjurjo de Carricarte — que tamén está representado cun busto situado xusto por detrás do Pazo de María Pita — foi retirado do colexio que, desde 2022, pasa a se chamar CEIP Torre de Hércules.

Finalizando, Queixas sinalou que “é xa moita hora de lle retirar o nome a esa rúa e de que a nova denominación sexa a dun grupo musical tan querido pola veciñanza coruñesa, uns Diplomáticos de Monte Alto que se caracterizan polo seu compromiso coa cultura e coa creación musical en galego e tamén coa identidade popular coruñesa en xeral e de Monte Alto moi en particular”.

 

⚙ Configurar cookies
0.19078397750854