O BNG da Coruña pide recuperar a viaxe cultural anual dos programas de lecer do Fórum e do Ágora

O BNG da Coruña pide recuperar a viaxe cultural ao estranxeiro coa que desde hai anos poñíase fin aos programas de lecer que se realizan no Fórum Metropolitano e no Ágora. Unha actividade que, segundo denuncian, o goberno de Inés Rey decidiu suprimir “sen ningún tipo de explicación nin de consulta previa ás persoas usuarias”.
A concelleira do BNG, Mercedes Queixas, anunnciou este martes que o seu grupo vén rexistrar unha serie de preguntas por escrito e un rogo oral para a súa lectura no Pleno de decembro, por medio do cal insta o Goberno de Inés Rey a que, após conversas coas persoas usuarias dos programas de lecer, reconsidere a anulación das viaxes.
Dende o BNG lembran que as persoas usuarias destes programas dirixíronse por escrito á alcaldesa e presidenta do IMCE para comunicarlle que consideraban “inexplicable” esta decisión, xa que segundo explican os nacionalistas, “estas viaxes culturais veñen celebrándose desde hai uns 18 anos con grande éxito de participación (máis de 150 persoas adoitan participar nelas), sen teren ningún tipo de custo para o Concello, sendo que as usuarias son as que se fan cargo dos custos e a súa avaliación sempre foi moi positiva”.
Queixas inquire o Goberno Local as razóns que o levaron a anular esta viaxe cultural e se está disposto a falar coas usuarias “para coñecer a súa opinión” sobre esa decisión unilateral. Ademáis, pide ao Goberno Local que reconsidere a decisión á vista do escrito das persoas usuarias e das sinaturas recollidas.