O BNG da Coruña pide ao Goberno local melloras na rede de bibliotecas municipais

ACoruñaXa
A concelleira do BNG insta o Goberno Local a que dea continuidade ás reunións da Comisión Especial de Bibliotecas en que se estuda a unificación da rede baixo a fórmula da xestión directa por parte do Concello
Imaxe da biblioteca municipal do Castrillón na Coruña
5 Mar 2024

Dende o BNG informan de que a concelleira BNG Mercedes Queixas vaise dirixir ao Goberno Local, no Pleno do vindeiro xoves, en relación á xestión das bibliotecas municipais.

“Reparou o sr. Castro, o concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade do que depende Cultura, que entre as súas funcións e competencias están as bibliotecas?”, di o teor literal, claramente irónico, da cuestión que colocará Queixas na sesión plenaria.

“O Goberno Local ten que dar resposta ás múltiples demandas e necesidades das nosas bibliotecas e avanzar por fin cara á xestión pública integral que garanta un servizo de calidade”, afirma Queixas.
O BNG é claramente partidario da unificación da rede das bibliotecas municipais -parte das cales están concesionadas- baixo a fórmula da xestión directa por parte do Concello.

O estudo da internalización por parte do Concello é o obxecto da Comisión Especial das Bibliotecas cuxa posta en marcha aparece no Acordo de Investidura asinado por BNG e PSdeG.

Porén, no que vai de mandato a comisión só se reuniu unha vez, o pasado novembro. “Ten que se reactivar e facelo xa”, urxe Queixas. “Unha de cada dúas coruñesas son usuarias deste servizo. É imprescindíbel ofrecelo coa mellor calidade posíbel e resolver tamén a incerteza na que se atopan as traballadoras daquelas bibliotecas que están concesionadas, tendo en conta que o contrato coa empresa xa caducou, está no último ano de prórroga e non se sabe nada dos novos pregos”, reclama Queixas.“O único que non merecen as nosas bibliotecas municipais é o silencio e a ausencia do Goberno Local”, concluíu.

0.10329604148865