O BNG da Coruña pide a Xunta a restitución das prazas de xinecoloxía nos centros de orientación familiar do Ventorrillo e Orillamar

ACoruñaXa
Queixas refire que os recortes realizados pola Xunta non se limitan á non cobertura das prazas vacantes, senón que se estenden tamén á supresión do horario de atención de tarde no COF de Orillamar
Imaxe da deputada do BNG, Mercedes Queixas
12 Jun 2024

O BNG de Coruña sinala que nos Centros de Orientación Familiar do Ventorrillo e Orillamar había tres prazas de xinecoloxía, unha naquel e dúas neste.

Desde 2011, a praza de xinecoloxía do COF do Ventorrillo está vacante após a xubilación da profesional que exercía esa función. No de Orillamar, das dúas prazas de que inicialmente estaba dotado fica vacante unha delas xa desde 2020.

O recorte é, por tanto, notable: de 3 prazas operativas pasamos a 1, coa conseguinte deterioración nun servizo que é básico para garantir o coidado da saúde sexual e reprodutiva das mulleres da Coruña.

É por isto que a deputada do BNG Mercedes Queixas rexistrou unha batería de iniciativas -preguntas escrita e oral, proposición non de lei para o debate en Pleno e en Comisión- por medio das cales insta a Xunta “a dotar, con carácter definitivo, as dúas prazas vacantes de xinecoloxía no COF de Orillamar e no COF do Ventorrillo para restablecer a oferta completa dun servizo sanitario fundamental e irrenunciábel e atender, de forma universal, o coidado da saúde sexual e reprodutiva das mulleres da cidade e comarca da Coruña”.

Queixas impulsa estas iniciativas despois de que o pasado xoves o Pleno do Concello aprobase unha moción da súa autoría, por unanimidade e após acordar un texto co PP en que se pedía exactamente o mesmo.

“Confiamos en que o PP sexa coherente e no Parlamento galego manteña a mesma posición que no Concello da Coruña, actuando a favor das mulleres da Coruña”, remarca Mercedes Queixas, para quen a atención á educación afectivo sexual e o coidado da saúde das mulleres “non pode seguir agardando nin pode ser tratada como unha cuestión menor” por parte da Xunta.

Na exposición de motivos da proposición non de lei, Queixas refire que os recortes realizados pola Xunta non se limitan á non cobertura das prazas vacantes, senón que se estenden tamén á “supresión do horario de atención de tarde no COF de Orillamar, o que exclúe unha parte importante de usuarias ao non ser compatíbel con horarios laborais ou académicos, ou a eliminación dos programas formativos en saúde afectivo-sexual encamiñados nomeadamente, tamén en horario de tarde, á mocidade”.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1774640083313