O BNG da Coruña pide a cancelación do concerto de Diego El Cigala no Son do Nordés

ACoruñaXa
O grupo nacionalista traslada esta petición logo de confirmarse unha condena contra o cantante por violencia de xénero
Imaxe da deputada do BNG, Mercedes Queixas
4 Jul 2025

O Bloque Nacionalista Galego da Coruña solicitou ao Goberno local que cancele a actuación de Diego El Cigala prevista para o 20 de xullo no Parque de Santa Margarida, dentro do festival Son do Nordés, evento que conta coa colaboración do Concello.

A petición prodúcese tras confirmarse a condena do cantante a dous anos e un mes de cárcere por malos tratos á súa ex parella, sentenza ratificada o pasado 30 de xuño pola Audiencia Provincial de Cádiz. A concelleira do BNG, Mercedes Queixas, rexistrou un rogo oral para o pleno do 11 de xullo, no que insta ao Executivo local a que actúe para impedir que un artista con esta condena participe nun evento apoiado pola administración municipal.

“ A violencia de xénero precisa unha fronte común, social, lexislativa, económica, xornalística, pedagóxica e política”, lembra Queixas, que engade que “o Goberno Local non pode mirar para outro lado e amparar na súa programación un artista ao que se lle acaba de confirmar unha sentenza por violencia de xénero que o condena a dous anos e un mes de cárcere”.

A edil fai un chamamento para que “o Goberno de Inés Rey teña que liderar unha resposta institucional firme, contundente e coherente, en defensa dos dereitos das mulleres e en contra da violencia machista”. “Os recorrentes minutos de silencio por cada muller asasinada teñen que se converter agora nunha clamorosa voz que arrombe a violencia machista dunha sociedade igualitaria, porque só con decisións valentes podemos evitar novas vítimas”, conclúe Queixas.

⚙ Configurar cookies
0.16067099571228