O BNG da Coruña pide á alcaldesa que non amose apoio público ás universidades privadas

ACoruñaXa
A petición foi formulada polo concelleiro David Soto durante a quenda de rogos orais do Pleno municipal de maio
Imaxe do concelleiro do BNG, David Soto
9 May 2025

O BNG da Coruña instou á alcaldesa, Inés Rey, a manter unha posición de defensa clara do sistema universitario público galego e a evitar mostras públicas de apoio ás universidades privadas. A petición foi formulada polo concelleiro nacionalista David Soto durante a quenda de rogos orais do Pleno municipal de maio.

Soto solicitou á rexedora que “evite dar mostras públicas de apoio á creación de universidades privadas” na cidade, advertindo do impacto que este tipo de proxectos pode ter sobre a universidade pública.

Ao mesmo tempo, apelou ao “principio fundamental de lealdade interinstitucional” e instou á alcaldesa a que demande da Xunta de Galicia “un mellor trato ao sistema universitario público galego, nomeadamente esixindo a reversión do infrafinanciamento histórico” que, segundo denunciou, padece a Universidade da Coruña (UDC).

Para o edil nacionalista, a participación da alcaldesa en actos que “teñen por obxectivo promocionar intereses privados” debería ser “discreta”, especialmente nun contexto no que a UDC sofre, segundo o BNG, un financiamento insuficiente por parte do Goberno galego.

⚙ Configurar cookies
0.18164110183716