O BNG da Coruña levará ao Pleno os plans do Goberno local para reformar Riazor

O concelleiro do BNG na Coruña, David Soto, anunciou que levará ao Pleno municipal a falta de información e participación en torno aos plans do Goberno de Inés Rey para a reforma do estadio de Riazor. Segundo advertiu, malia tratarse dun ben público, "non lle outorga ao Goberno Local licenza para facer e desfacer con el ao seu antollo".
Soto subliña que o carácter público do estadio implica que debe "servir os intereses xerais da veciñanza" e que a súa explotación "ten que ser consensuada cos grupos municipais e estar aberta ao debate social, contando por suposto coas entidades deportivas da cidade". Porén, denuncia que até o momento a oposición non recibiu ningunha información oficial sobre o proxecto de reforma, as súas vías de financiamento ou o proceso para escoller ao posible operador privado que o xestione.
No texto da pregunta oral que formulará no Pleno, o BNG chega a cuestionar ironicamente se o Goberno municipal concorda con que o estadio de Riazor é realmente municipal. "Se efectivamente concorda, o lóxico sería contar co conxunto da Corporación no proceso que conduza á súa reforma", apunta Soto.
O edil nacionalista tamén lembra que se trata dun investimento de gran envergadura nun contexto no que "a cidade dispón dun tecido deportivo tan vizoso como vasto, cuxas necesidades, a comezar pola mellora das instalacións municipais, está moi lonxe de seren atendidas".
Por iso, o BNG pide "que o Goberno local entenda que non pode xestionar o estadio sen dar contas a ninguén" e aposta por "un debate o máis aberto e amplo posíbel". Un debate que, segundo conclúe Soto, “non se cinxa só ao estadio, senón que inclúa o conxunto das instalacións deportivas e as súas necesidades”.