O BNG da Coruña levará ao Pleno as queixas polo mal estado do carril bici

ACoruñaXa
A concelleira Avia Veira sinala que existen tramos do carril bici que permanecen sen limpar
carril-bici-cartel
7 Jul 2025

A concelleira do BNG Avia Veira, responsable de Mobilidade no grupo municipal nacionalista, presentará no Pleno do vindeiro venres as reclamacións das persoas usuarias respecto ao deteriorado estado do carril bici na cidade.

“Unha cousa son os grandes titulares sobre o uso da bicicleta dos que gusta tanto a alcaldesa e outra cousa moi distinta é a realidade dunha infraestrutura básica para a mobilidade da cidade como é o carril bici. Desa realidade falaremos no Pleno”, avanza Veira.

A representante nacionalista sinala que existen tramos do carril bici que permanecen sen limpar, co crecemento de vexetación que impide o seu uso correcto, así como zonas onde a convivencia entre ciclistas, peóns e vehículos é complicada. Ademais, menciona “xiros particularmente perigosos para a integridade dos ciclistas” que poñen en risco a seguridade dos usuarios.

“Son moitas as queixas de persoas usuarias que nos chegan ao grupo municipal sobre o estado desta infraestrutura, queixas que nos falan de situacións que poñen en risco a integridade das e dos ciclistas e que desde logo non animan a máis persoas a se uniren a BiciCoruña”, explica Avia Veira.

Durante este mandato, o BNG xa se interesou por diversas cuestións relacionadas coa mobilidade, desde a necesidade de reforzar o transporte público ata garantir o dereito dos peóns a transitar pola cidade sen obstáculos.

O grupo nacionalista esixe ao Goberno local que tome medidas urxentes para mellorar o carril bici e garantir unha mobilidade segura e accesible para todas e todos.

⚙ Configurar cookies
0.18522810935974