O BNG da Coruña leva ao pleno a inactividade do Consello Municipal de Cultura

ACoruñaXa
Mercedes Queixas lembra que a creación do Consello foi unha demanda do BNG incorporada ao Acordo de Investidura de 2023
Mercedes_Queixas
25 Jun 2025

O Bloque Nacionalista Galego da Coruña volverá reclamar no Pleno ordinario de xullo a reactivación do Consello Municipal de Cultura (CMC), tras máis dun ano sen actividade desde a súa última reunión, celebrada o 22 de maio de 2024. Nese encontro elixíronse a vicepresidencia e os membros da comisión permanente, mais desde entón, segundo denuncia o BNG, o órgano permanece paralizado.

A concelleira nacionalista Mercedes Queixas lembra que xa en marzo deste ano o seu grupo formulou unha pregunta ao Goberno local sobre esta situación. A resposta, explica, foi o compromiso de convocar unha nova sesión do CMC no mes de abril, así como a posta en marcha de grupos de traballo. "Non tivo lugar. Tamén se nos dixo que se estaban a organizar grupos de traballo. Deles nada se soubo", critica Queixas.

Ante a falta de avances e de resposta efectiva, o BNG presentará un rogo oral no vindeiro pleno, no que instará á alcaldesa, Inés Rey, presidenta do Consello, a convocar as reunións previstas e dar cumprimento ao regulamento deste órgano de participación. "Na parte dispositiva do rogo, Queixas pídelle ao Goberno Local que cumpra co regulamento do CMC como órgano de participación do 'vizoso' tecido cultural coruñés e 'punto de encontro da pluralidade de axentes que interveñen na política cultural municipal'", recolle a iniciativa.

Segundo indica a formación nacionalista, o regulamento do CMC establece que o seu pleno debe reunirse cando menos unha vez ao ano, mentres que a Comisión Permanente está obrigada a facelo en tres ocasións. "Esa temporalidade non se está a respectar", denuncia Queixas, que considera que a inacción do Goberno local responde a unha actitude de "persistente desactivación" do órgano.

A nacionalista censura que o executivo municipal "insista en impedir a participación de axentes do tecido cultural coruñés no deseño da política municipal nesta materia", e lembra que a creación do Consello foi unha demanda do BNG que se incorporou ao Acordo de Investidura de 2023.

⚙ Configurar cookies
0.17971897125244