O BNG da Coruña lanza unha nova campaña pola mobilidade sostible

A praza de Pontevedra foi o escenario escollido polo BNG para presentar a súa nova campaña centrada na mellora da mobilidade na cidade. Baixo o lema “Movemos ficha para que A Coruña avance”, a formación nacionalista aposta por un modelo urbano que poña en primeiro lugar ás persoas e o transporte público, e que deixe atrás a dependencia excesiva do coche privado.
Durante a presentación, o responsábel local do BNG, Ignacio Siota, explicou os detalles da campaña, que inclúe a distribución de carteis, dípticos e autocolantes informativos por toda a cidade. Pola súa banda, a concelleira Avia Veira, responsábel de Mobilidade no grupo municipal, fixo un chamamento a transformar radicalmente as políticas municipais neste ámbito para garantir unha mobilidade accesible, segura e eficiente para toda a veciñanza.
O material da campaña recolle conceptos clave como accesibilidade universal, menos coches, máis bicicoruña, tren cercanías, máis bus, camiños seguros ou beirarrúas amplas, formando un acróstico que reproduce o nome da cidade: A Coruña.
A primeira acción de contacto coa veciñanza terá lugar este sábado en Novo Mesoiro, un barrio que, segundo Siota, simboliza os graves problemas de mobilidade que padece a cidade.
Mobilidade como dereito básico
Avia Veira destacou que o punto de partida da campaña é considerar a mobilidade como un dereito básico da cidadanía. “A forma en que se garante este dereito revela o modelo de cidade de cada forza política. No caso do BNG, a orde de prioridades é clara: primeiro, as persoas peóns; despois, o transporte público; a seguir, bicicletas e patinetes; e por último, os coches”, afirmou.
Veira criticou o mal estado actual da mobilidade na Coruña e puxo exemplos concretos como as beirarrúas estreitas, os tempos dos semáforos deseñados para vehículos, ou as deficiencias no servizo de bus cara ao CHUAC, os polígonos industriais ou o campus universitario.
Propostas e crítica ao Goberno local
O BNG propón un novo modelo de mobilidade que inclúe a creación dun novo mapa de rutas de bus, o aumento das frecuencias, a ampliación dos horarios, servizos ferroviarios de proximidade e carrís VAO, entre outras medidas.
Tamén denunciou que o Goberno Local non fixo os seus deberes ao deixar caducar o contrato do transporte público sen convocar a tempo un novo concurso que permita corrixir os actuais problemas do servizo.
“A mobilidade non pode depender do teu xénero, idade, condición física ou ingresos. Queremos unha Coruña na que todo o mundo se poida mover con liberdade e seguridade”, concluíu Avia Veira.