O BNG da Coruña lamenta a falta de apoio do PP á Declaración en defensa do persoal do HUAC

ACoruñaXa
A concelleira Mercedes Queixas sinalou que “as e os profesionais sanitarios traballan en condicións de vulnerabilidade"
Imaxe da deputada do BNG, Mercedes Queixas
9 Apr 2025

O grupo municipal do BNG en A Coruña vén de expresar a súa decepción tras a falta de apoio do PP á Declaración Institucional que o Bloque presentaba en solidariedade co cadro de persoal do Hospital Universitario da Coruña (HUAC), despois das recentes agresións sufridas polos profesionais sanitarios. A proposta non se podería levar adiante no próximo Pleno debido á negativa dos concelleiros do PP, que impiden que a iniciativa se debata e se aprobe.

Indican que as Declaracións Institucionais no Concello precisan o respaldo do conxunto das forzas presentes na Corporación, algo que o PP non tivo en conta ao rexeitar a proposta do BNG. A declaración, que se ía ler no Pleno do xoves 10 de abril, demandaba mellores condicións de seguridade para as e os profesionais sanitarios, especialmente no servizo de urxencias do HUAC, onde recentemente se produciu un repunte de agresións.

A concelleira do BNG Mercedes Queixas lamentou a postura do PP, sinalando que “as e os profesionais sanitarios traballan en condicións de vulnerabilidade, como se viu recentemente nas agresións sufridas no servizo de urxencias do HUAC. Esa vulnerabilidade ten múltiples causas e require por tanto dun abordaxe desde distintos ángulos”.

Queixas tamén destacou a necesidade de reforzar a seguridade no servizo de saúde mental, aumentar o cadro de persoal e implantar protocolos de prevención para garantir un entorno laboral seguro e adecuado para os traballadores e traballadoras do hospital. “A nosa é a área sanitaria máis populosa do país, e polo tanto, é fundamental que se incrementen os recursos humanos e materiais para que os profesionais podan traballar en condicións de calidade e seguridade”, explicou.

A proposta do BNG tamén incluía medidas para mellorar as condicións de traballo dos profesionais da sanidade, algo que, segundo Queixas, tamén redundaría nun mellor benestar para as persoas usuarias do sistema de saúde pública.

A concelleira tamén puxo de manifesto a inacción tanto da Consellaría de Sanidade como da Xerencia do HUAC, que até o momento non teñen dado resposta ás propostas de mellora formuladas polo cadro de persoal tras as agresións sufridas.

A postura do PP foi cualificada de “irresponsable” polo BNG, que reitera o seu compromiso co apoio ao persoal sanitario e coas súas reivindicacións para mellorar as condicións de traballo e a seguridade nos hospitais.

⚙ Configurar cookies
0.17271780967712