O BNG da Coruña interésase pola desaparición de árbores ginkgos na rúa da Torre

ACoruñaXa
Indican que só permanecen en pé 6 dos 12 exemplares plantados en decembro de 2021
Árbores-plantadas-na-rúa-da-Torre-2
17 Feb 2025

O BNG da Coruña traslada que o pasado 16 de decembro de 2021 plantáronse 12 exemplares de árbores ginkgos na rúa da Torre, dentro das propostas gañadoras dos orzamentos participativos de 2021. Sen embargo, actualmente só permanecen en pé 6 destes exemplares. Esta situación motivou a concelleira do BNG, Avia Veira, a rexistrar un feixe de preguntas por escrito para coñecer as causas deste feito.

A concelleira cuestiona: “Cal é o motivo polo que só quedan en pé 6 dos 12 exemplares de ginkgos plantados a finais de 2021? Que lles pasou aos outros 6 exemplares que xa non están?”.

As árbores foron plantadas no tramo entre o Campo de Marte e o Campo de Leña, como parte dunha proposta cidadá que pretendía mellorar a calidade urbanística e medioambiental nun barrio carente de espazos verdes.

Veira tamén pregunta se o Executivo local considera que os gingkos non son viables neste espazo, e se o Goberno Local ten pensado plantar novos exemplares, “aínda que fosen doutras especies”. A concelleira subliña que o obxectivo debe ser "reverdecer esta rúa central no barrio de Monte Alto".

 

 

 

 

0.11609411239624