O BNG da Coruña insta ao Goberno local a limpar e mellorar condicións na rúa Posse

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, traslada e rexistra tras, unha demanda da Asociación Veciñal Oza-A Gaiteira-Os Castros, unha iniciativa para lle pedir ao Goberno local que asegure a limpeza, mantemento e humanización da rúa Posse, singularmente no treito do falso túnel que atravesa baixo a Avenida de Oza.
Por medio dun rogo oral para a súa lectura no Pleno do vindeiro xoves 13 de marzo, Jorquera afirma que a rúa Posse presenta “un estado lamentábel de sucidade”, produto da “a falla de limpeza e de mantemento” que infelizmente caracteriza non poucas vías públicas da cidade, motivo de queixas reiteradas por parte das veciñas e dos veciños dos distintos barrios coruñeses.
“A Asociación Veciñal de Oza-A Gaiteira-Os Castros demanda que este treito [refírese ao falso túnel] se decore cun mural para humanizar o ámbito. Tamén demanda o soterramento dos cables, que se asegure a limpeza da rúa, ben como tamén a mellora do pavimento da calzada e das beirarrúas”, salienta Jorquera.