O BNG da Coruña insta a acompañar a declaración de zona tensionada con garantir o acceso á vivenda

ACoruñaXa
Para a concelleira nacionalista Avia Veira a declaración debe ser o punto de partida dunha estratexia máis ampla
Imaxe da Concelleira Avia Veira na rolda de prensa
29 May 2025

A Coruña vén de recibir a aprobación por parte da Xunta de Galicia para ser declarada como zona tensionada en materia de vivenda. Unha medida que, segundo o BNG, chega tarde pero supón un primeiro paso necesario. A concelleira nacionalista Avia Veira valorou positivamente a decisión, pero advertiu que agora cómpre actuar con decisión para que esta declaración se traduza en melloras reais no acceso á vivenda.

“A Xunta, e non foi sen tempo, fixo o que tiña que facer. A cidade cumpre todas as características para ser declarada zona tensionada”, sinalou Veira, lembrando que foi o BNG quen impulsou desde o inicio esta reclamación, tanto no Concello como no Parlamento galego. “Fomos nós os que lle puxemos como deberes ao Goberno Local que tiña que pelexar por esa declaración”, engadiu.

Para a edil nacionalista, a declaración debe ser o punto de partida dunha estratexia máis ampla por parte das administracións. Insiste en que se trata dun "gran de area", pero que por si só non resolverá o grave problema de acceso á vivenda que padece a cidade. “Sempre dixemos que a declaración non era a única medida a pór en marcha. É un gran de area no conxunto de actuacións que cómpre levar adiante para lidar cun problema social tan grave como a dificultade para acceder a unha vivenda digna a prezos accesíbeis”, explicou.

Entre as medidas que propón o BNG destaca o aumento significativo do parque público de vivenda, especialmente en réxime de alugueiro, así como a mobilización dos arredor de 20.000 pisos baleiros que existen na cidade. Veira apela tamén á responsabilidade da Xunta, administración que concentra boa parte das competencias nesta materia: “Este é un problema social que afecta a cidade e a toda Galiza. A experiencia mostra que estas declaracións só funcionan se se insiren nunha planificación ampla, feita con visión de país”.

A concelleira concluíu reclamando á Xunta que asuma o seu papel e desenvolva “unha política de vivenda pública merecente de tal nome”.

⚙ Configurar cookies
0.052809000015259