O BNG da Coruña esixe á Xunta saldar a débeda coa Orquestra Sinfónica de Galicia

ACoruñaXa
Mercedes Queixas reclama un plan económico urxente tras a cancelación do concerto da Orquestra Xove en María Pita
Mercedes_Queixas
1 Aug 2025

O BNG da Coruña volve poñer no foco político a situación financeira do Consorcio para a Promoción da Música e da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), tras a cancelación do concerto da Orquestra Xove previsto nas festas de María Pita. A formación nacionalista sinala que esta cancelación responde a “un momento crítico” que a xerencia do Consorcio atribúe á súa delicada situación económica.

A deputada do BNG Mercedes Queixas anunciou unha nova ofensiva parlamentaria para esixir á Xunta de Galicia que salde a débeda superior aos 5 millóns de euros que mantén coa OSG. “A débeda está a comprometer a viabilidade do proxecto musical e didáctico que lidera e impulsa a Orquestra Sinfónica de Galiza dentro e fóra do País”, advertiu Queixas.

Segundo explicou, o grupo parlamentar rexistrou unha batería de iniciativas —proposicións non de lei, preguntas orais e escritas— co obxectivo de instar á Xunta a pactar coa nova xerencia do Consorcio un “plan económico extraordinario que resolva, de forma progresiva e no curto prazo, a débeda contraída pola Administración galega coa OSG”.

O BNG lembra que a orixe desta situación remóntase ao incumprimento do convenio asinado en 2004, que estipulaba unha achega anual de 3 millóns de euros por parte da Xunta. Segundo denuncian, “hai xa máis dunha década que o Goberno galego en mans do PP deixou de satisfacer ese compromiso”, acumulando un déficit que pon en risco a estabilidade da entidade.

O asunto xa foi debatido no Parlamento o 21 de novembro de 2024, cando o PP votou en contra de asumir a débeda. Porén, o BNG considera que, tras as recentes declaracións do novo xerente do Consorcio, Juan Antonio Cuéllar, “ábrese unha xanela de oportunidade” para que a Xunta rectifique e recupere os compromisos adquiridos hai máis de vinte anos.

Desde a formación nacionalista avisan de que, sen unha solución urxente, a crise financeira podería afectar non só á actividade habitual da OSG, senón tamén ao seu proxecto pedagóxico e de difusión cultural tanto dentro como fóra de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.18212795257568