O BNG da Coruña esixe a licitación do contrato do centro e comedor Novoboandanza

ACoruñaXa
A formación nacionalista pide explicacións sobre a situación na que se atopa a concesión do servizo
Imaxe do concelleiro do BNG, David Soto
30 Jun 2025

O Bloque Nacionalista Galego da Coruña vén de solicitar explicacións ao Goberno local sobre a situación de precariedade na que se atopa a concesión do servizo do centro cívico e comedor social Novoboandanza, cuxo contrato rematou hai xa cinco anos.

Tal e como lembra o concelleiro nacionalista David Soto, o contrato orixinal data de 2014 e tiña unha duración inicial de catro anos, prorrogábel por dous máis. "Isto significa que, esgotada a prórroga e ao non ter sido licitado un novo contrato, a concesión leva en precario desde 2020, hai xa cinco anos", sinala Soto.

A través dun escrito dirixido ao Goberno que encabeza Inés Rey, o edil do BNG quere saber cal é o motivo polo que non se licitou aínda un novo contrato para este servizo esencial e reclama información concreta sobre os prazos previstos. Neste sentido, pregunta se "xa ten redactado os pregos para proceder á licitación e en que prazo estima que unha nova concesionaria podería estar á fronte do centro".

O BNG considera preocupante a prolongación desta situación e advirte da importancia de garantir a estabilidade e a calidade dos servizos sociais, especialmente os dirixidos a colectivos vulnerábeis. Desde a formación nacionalista reclaman unha resposta clara e inmediata por parte do Executivo municipal para poñer fin a esta situación de provisionalidade.

⚙ Configurar cookies
0.18274593353271