O BNG da Coruña denunciará no Pleno o incumprimento da Ordenanza do Galego

O BNG da Coruña levará ao próximo Pleno municipal, previsto para o xoves 5 de xuño, a denuncia do "incumprimento flagrante" da Ordenanza do Galego por parte do Goberno local. A concelleira nacionalista Mercedes Queixas presentará unha pregunta oral na que reclamará explicacións á alcaldesa, Inés Rey, sobre a falta de avances en dous dos piares fundamentais do texto aprobado en 2021: o Plan de Normalización Lingüística e a constitución do Consello Local da Lingua.
“Que avaliación fai o Goberno Local do Plan de Normalización Lingüística e do Consello Local da Lingua?”, será a pregunta coa que Queixas instará o executivo municipal a posicionarse sobre a paralización destes instrumentos, que forman parte central da ordenanza impulsada polo propio BNG hai catro anos.
A nacionalista lamenta que, despois de tanto tempo, A Coruña —a última das cidades galegas en dotarse dunha ordenanza lingüística deste tipo— siga sen aplicar "dúas ferramentas tan fundamentais" para o avance e protección do galego. “Que mensaxe lle transmite ás coruñesas e aos coruñeses a alcaldesa incumprindo unha ordenanza municipal? Canto vale a palabra de Inés Rey?”, cuestiona Queixas.
Desde o BNG acúsase o executivo socialista de desatender os compromisos asinados no acordo de investidura e de afastarse da defensa activa da lingua galega. “Nun momento de emerxencia lingüística, o Goberno da Coruña non pode seguir imitando ao PP. Ten que cumprir os seus compromisos e colocarse claramente a favor do galego nos feitos, non só nas palabras”, subliña a concelleira.